Ciencia aberta e humanidades dixitais centran unha xornada da EDIUS na Facultade de Filoloxía

venres, 3 de novembro do 2023 S. P.

Será a mediados deste mes cando a Facultade de Filoloxía acolla o curso Ciencia Aberta e humanidades dixitais, unha actividade de formación coa que conectar o alumnado da Escola de Doutoramento Internacional da USC (EDIUS) co estado das humanidades dixitais e co estado da produción científica en acceso aberto. O alumnado interesado que desexe asistir poderá formalizar a súa inscrición até o vindeiro 7 de novembro a través da súa secretaría virtual.
Indo á xornada, dicir que combina achegas sobre ferramentas para a xeración de contidos en acceso aberto, unha panorámica sobre o estado da ciencia aberta por parte da xefa da Unidade de Acceso Aberto, Repositorios e Revistas da FECYT e a presentación do Portal da Cultura Impresa en Lingua Galega impulsado dende o Instituto da Lingua Galega por Pablo García Martínez, coordinador da xornada. Serán 20 prazas coas que se conte, que se cubrirán por rigorosa orde de inscrición. Para o resto das persoas interesadas no curso, a asistencia é de balde, debendo só cubrir o formulario de inscrición que se atopa na páxina da actividade, até o 10 de novembro, se desexan obter o certificado de asistencia.

PUBLICIDADE