Ciencia e tecnoloxía uníronse na G-Night 2024 da man do CITIC

mércores, 2 de outubro do 2024 S. P.

Coñecer en primeira persoa os avances científicos e os temas tecnolóxicos de relevancia actual e máis recentes foi o que puideron facer os asistentes á G-Night 2024, unha xornada adicada é divulgación científica que se celebrou o pasado venres 27 de setembro e na que participou activamente o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña.
Parte das actividades da G-Night 2024 leváronse a cabo nas instalacións do CITIC e contaron cun programa amplo e dirixido a un público de todas as idades, comezou coa visita dun grupo de estudantes de 2º de Bacharelato do IES Rego de Trabe de Culleredo que participaron na IV edición de Talentos Inclusivos. Os mozos e mozas gozaron dunha conferencia impartida pola investigadora do CITIC, Susana Ladra González, titulada: Pegadas dixitais musicais: como se representan e buscan cancións na internet, onde se explicou o fascinante proceso detrás da identificación de cancións empregando tecnoloxía dixital.
Logo, o alumnado participou nunha visita guiada polos laboratorios do CITIC, onde tiveron a oportunidade de coñecer os innovadores proxectos de investigación que se desenvolven en áreas como a Intelixencia Artificial (IA), o Big data e a computación de alto rendemento. A experiencia permitiulles interactuar con investigadores e explorar as múltiples aplicacións da tecnoloxía na sociedade actual.
Ao mesmo tempo, o Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía (MUNCYT) foi outro dos escenarios clave da G-Night 2024, acollendo charlas e obradoiros dirixidos tanto a adultos como á cativada. As conferencias científicas foron impartidas polos investigadores do CITIC Patricia Faraldo Cabana, José Ramón Paramá Gabía, Margarita María Alonso Ramos, Basilio Bernardo Fraguela Rodríguez e Carlos José Escudero Cascón, e nelas abordáronse temas como o recoñecemento facial e a IA aplicada á Lingüística, os retos computacionales na análise do xenoma e a historia dos sistemas de posicionamento.
Os obradoiros TuTIC, para nenas e nenos de entre 8 e 12 anos, tamén tiveron unha gran acollida. Os pequenos participantes puideron aprender sobre electromagnetismo, circuítos eléctricos e programación, guiados polos investigadores Adriana Dapena Janeiro, Paula M. Castro Castro, Óscar Fresnedo Arias, Jonatan Enes Álvarez, José Manuel Andión Fernández e Francisco Laport López.
Na sede de Afundación de Santiago de Compostela, o investigador Xabier Pérez deu unha charla sobre o histórico proceso de medición que estableceu o metro como unidade de lonxitude, subliñando a participación dun científico galego clave nesta expedición. Doutra banda, no bar Árnica da Coruña, Miguel Anxo Pérez Vila falou sobre o impacto das redes sociais na saúde mental, analizando como estas plataformas poden axudar a detectar síntomas depresivos mediante tecnoloxías avanzadas de procesamento da linguaxe natural. A actividade contou tamén coa intervención de Paloma Piot Pérez-Abadín e Laura Hermo, que falaron do discurso de odio en redes e o impacto psicolóxico nos mozos.
Para rematar, no bar A Olímpica, o investigador do CITIC José A. Iglesias-Guitián, impartiu a sesión Dos cinemas ás consultas: como a tecnoloxía dos efectos visuais pode impulsar a visualización médica avanzada, na que presentou un exemplo de transferencia de tecnoloxía que naceu no campo dos efectos especiais e do cinema de animación para a visualización científica ou médica.