Cinco empresas galegas no TOP 101 Recoñecementos ao Emprendemento con Impacto en España
martes, 5 de novembro do 2024
Salientar e emprestar apoio ás empresas innovadoras de recente creación con impacto social e/ou medioambiental é o obxectivo da iniciativa TOP 101 Recoñecementos ao Emprendemento con Impacto en España, iniciativa creada por ENISA e o Foro ADR. Atendendo a isto, varias empresas galegas foron seleccionadas polo xurado nacional para formar parte desta listaxe, son: H2Dron Energy, Uarx Space, Muutech Monitoring, 10Mets e Innogando e participaron na gala celebrada na tarde de onte no Palacio de Congresos de Córdoba.
As empresas galegas, acompañadas pola directora do IGAPE, Covadonga Toca Carús, presentaron os seus proxectos ante un xurado de expertos, que ademais escolleu a unha empresa de cada comunidade autónoma como embaixadora da marca Spain Up Nation.
Estas startups galegas, elixidas entre as máis innovadoras e con maior impacto do ecosistema emprendedor español, obtiveron o recoñecemento co selo TOP101 Spain Up Nation, beneficiándose dunha completa axenda de networking, sesións B2B con investidores ou formación específica para o desenvolvemento empresarial.
Neste recoñecemento exclusivo, Innogando foi seleccionada para representar a Galicia, sumándose á Estratexia España Nación Emprendedora como unha das 19 empresas que exemplifican o emprendemento con impacto no ámbito nacional.
Alén disto, cómpre informar que hoxe (martes, 5 de novembro) celébrase o Investor Day no Conservatorio de Música Músico Ziryab de Córdoba, onde as empresas galegas poderán explorar oportunidades de investimento, networking e desenvolvemento de negocios con representantes de entidades financeiras, business angels, aceleradoras e outros axentes clave do ecosistema emprendedor.
Estes recoñecementos ao emprendemento con impacto en España, apoiados tamén pola Unión Europea a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, supoñen, valorou a directora do IGAPE, unha “excelente oportunidade para fortalecer lazos, compartir coñecemento e promover o talento innovador galego no escenario nacional”.