Cinco firmas da BF ClimaTech presentan solucións para transformar a xestión de recursos
venres, 18 de xullo do 2025
A primeira aceleradora de empresas do ámbito ambiental e a economía circular de Galicia, Business Factory (BF) ClimaTech, impulsada pola Xunta e polo Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular (Viratec), celebrou este venres 18 no Biopolo Sionlla, en Santiago de Compostela, o acto de clausura da súa primeira edición baixo o título Ideas que transforman Galicia.
Agrolinera, Arraigo, airCO2, Bioaqua e Wastex son as cinco startups participantes desta primeira convocatoria. Ao longo dos últimos nove meses estiveron acompañados e mentorizados por empresas tractoras, referentes nos seus ámbitos, que lles achegaron coñecemento, dedicación e recursos. Ademais, tiveron a oportunidade de asistir a formacións especializadas, feiras sectoriais nacionais e internacionais, e ter encontros con entidades inversoras.
A apertura do acto foi da man de Josefa de León, presidenta de Viratec, quen destacou a importancia das iniciativas como a BF ClimaTech para mellorar a transferencia de coñecemento e facer máis competitivo o sector ambiental.
Pola súa banda, a directora xeral do Igape, Covadonga Toca, puxo en valor o modelo colaborativo da aceleradora, que combina talento emprendedor, apoio científico e implicación do tecido empresarial e financeiro.
A continuación, celebrouse unha mesa redonda onde representantes das cinco startups compartiron as súas experiencias. Verónica Menéndez, de Agrolinera; Marcos González, de Arraigo; Pío Iglesias, de airco2; Camila Rey, de Bioaqua, e Álvaro Gómez, de Wastex, coincidiron que participar nesta aceleradora ademais de darlles visibilidade, permitiulles escalar e afianzar os seus proxectos no mercado ambiental.
Cinco ideas transformadoras
- Xestión de residuos gandeiros. Agrolinera emprega tecnoloxía propia IoT (Internet das Cousas) que permite a gandeiros e pequenos produtores xestionar os seus residuos orgánicos (xurros, soro lácteo etc.) de forma eficiente, facilitando a súa valorización en plantas de biogás e/o aproveitamento agronómico.
- Redefinindo os estándares de construción. Arraigo encargase do deseño e construción de vivendas pasivas mediante a fabricación industrializada de entramado lixeiro de madeira, apoiando así a descarbonización do sector.
- Simplificación no cálculo da pegada de carbono. A través dunha plataforma tecnolóxica certificada, airCO2 encárgase da xestión da pegada de carbono para que calquera empresa poida medir, reducir e compensar o seu impacto climático, cunha solución accesible, automatizada e aliñada cos estándares internacionais.
- Biotecnoloxía no ámbito da auga. O proxecto Bioaqua, que forma parte da firma Bionanda Solutions, consiste na redución de contaminantes nas augas para a súa posterior reutilización mediante o uso de microorganismos eficientes.
- Tecnoloxía que promove a circularidade no sector téxtil. Wastex desenvolve solucións tecnolóxicas para a industria téxtil, tanto a nivel de hardware como de software, que promoven a circularidade, transparencia e eficiencia produtiva.
Agroamb, Finsa, Gestán Conteco, Sogama, Vertex Bioenergy e Viaqua foron as empresas tractoras desta primeira edición, e que repiten o seu papel na segunda edición, vixente actualmente, á cal uníronse tamén COREGAL, EMALCSA, FEUGA E Valtalia.
