Cinfo e a RFGF preparan a televisión do deporte galego
mércores, 3 de xullo do 2024
A Real Federación Galega de Fútbol e a empresa coruñesa Cinfo anunciaron o pasado mes de xuño, no marco do congreso O Camiño do Futgal, un acordo conxunto para lanzar na tempada 24-25 a televisión do deporte autonómico galego.
Segundo explicou Antonio Rodríguez del Corral, director de Cinfo, a televisión do deporte autonómico galego é unha plataforma de televisión por Internet que permitirá a todos os seareiros ao deporte ver aos seus equipos locais e que estará dispoñíbel vía apps de dispositivos móbiles, de Smart TV, en Android TV e en navegadores. No servizo de navegadores dispoñerá ademais de servizo multicámara e de vista táctica para adestradores.
Con este acordo, 123 equipos galegos, tanto masculinos como femininos, que xogan nas ligas autonómicas de fútbol e fútbol sala estarán dispoñíbeis nunha única plataforma onde todos os afeccionados poderán localizar de xeito doado os encontros dos seus clubs favoritos.
A RFGF reúne máis de 110.000 fichas federativas que recibirán este servizo de forma gratuíta.
A emisión dos partidos utiliza o sistema de Intelixencia Artificial e de produción na nube de Cinfo que “permitirá emitir todos os partidos minimizando o custo e sen baixar a calidade, xa que os eventos poderán ter locución, repeticións, marcador e todo o necesario para ter unha produción atractiva”, explicaron fontes da empresa galega, engadindo que o centro de produción e control será instalado no CSA da Cidade das TIC.
As ligas seleccionadas pola RFGF son a preferente Galicia de fútbol masculina, a 1.ª división liga galega feminina e as preferentes masculina e feminina de fútbol sala.
Esta plataforma será gratuíta para todos os afeccionados e está aberta ao resto de clubs e federacións de Galicia para que poidan emitir as súas ligas e crear unha comunidade do deporte galego ao redor desta televisión
O proxecto ten un modelo cooperativo. Os propios clubs poderán xestionar o seu inventario de publicidade en mesmo ter os seus propios locutores, con presenza en pantalla.