Cinfo mellorará a seguridade dos pasos de peóns de Arteixo con Intelixencia Artificial

xoves, 30 de decembro do 2021 S. P.

O Concello de Arteixo vai comezar o ano activando un proxecto tecnolóxico de seguridade viaria con aplicación en diferentes recantos do termo municipal, achegando un extra de boa convivencia entre peóns e tráfico rodado naqueles puntos onde haxa máis fluxo de viandantes e vehículos. Será unha solución de iluminación intelixente baseada en Intelixencia Artificial, segundo informou a empresa sobre a que recaerá o desenvolvemento do proxecto: Cinfo.
Posibilitará a detección autónoma de eventos grazas á análise de imaxes en tempo real e a mellora da visibilidade nos pasos de peóns. Tamén porá en xogo un panel de control de cámaras que de inicio impulsará a seguridade en tres puntos do territorio arteixán.
En palabras do alcalde, Carlos Calvelo, activarase en primeira instancia unha proba piloto en tres emprazamentos: na travesía de Arteixo, na avenida Manuel Platas Varela e a estrada de Meicende a Pastoriza. Unha vez comprobado o bo funcionamento do sistema a previsión é estendelo a outros recantos do concello que precisen dun extra de seguridade.
A solución integra cámaras, nodos de Intelixencia Artificial e luminarias. As primeiras observarán os pasos de peóns e determinarán en tempo real se hai viandantes cruzando. Isto farao co cómputo de persoas cruzando a estrada e o de vehículos en tempo real. En consecuencia, permitirase coñecer polo miúdo o emprego que se lle dá aos pasos de peóns e as medidas a tomar para mellorar o seu uso.

PUBLICIDADE