Cinfo, recoñecida como unha das empresas máis innovadoras de Europa nos EIT Digital

mércores, 5 de marzo do 2025 S. P.

A empresa galega Cinfo, provedora de tecnoloxía enfocada no mercado de TV OTT con sede na Cidade das TIC da Coruña, vén de ser recoñecida como unha das oito firmas gañadoras do EIT Digital Champions 2025, a competición dixital deeptech scaleup máis competitiva de Europa, organizada pola comunidade EIT Digital.
Este galardón sitúa a Cinfo como “unha das empresas europeas máis innovadoras, que impulsa a transformación dixital para redefinir as industrias e afronta desafíos globais a través da tecnoloxía e o emprendemento”.
Por certo que a empresa que dirixe Antonio Rodríguez del Corral tamén foi incluída para representar a España no Mobile World Congress de Barcelona.
Máis de 350 compañías presentaron a súa candidatura a este premio. Entre elas, seleccionáronse 50 finalistas para presentar as súas solucións a un grupo distinguido de investidores e expertos do sector. Tras unha intensa competición, oito empresas emerxeron como os EIT Dixital Champions 2025. Ademais de Cinfo, Excalibur (Eslovaquia), Hopp (Islandia), Latitudo 40 (Italia), Macaron (Francia), Peroptyx (Irlanda), Reltime (Noruega), XPDeep (Francia).
"Que Cinfo estea entre as gañadoras é un gran recoñecemento ao traballo, á paixón e á innovación que nos impulsan cada día", sinalan dende a compañía, e engaden: "Estamos orgullosos de formar parte deste grupo de excelencia e seguimos comprometidos en revolucionar o futuro dixital".
Este recoñecemento supón o ingreso de Cinfo no programa de Servizos de Crecemento Dixital de EIT, o que lle permitirá recibir un amplo apoio na recadación de fondos. O equipo de expertos en capital de risco de EIT axudará así á compañía a obter acceso ao financiamento que necesita para ampliar os seus negocios.