Circulan copias de Watch Dogs que instalan no equipo do usuario un programa para minar BitCoin

luns, 26 de maio do 2014 Marcus Fernández

Mañá está prevista a chegada ás tendas do xogo Watch Dogs, título de acción no que a principal arma será empregar técnicas de pirateo informático, o que resulta un tanto irónico, xa que pola Rede están a circular copias ilegais do xogo que viñan infectadas cun curioso troiano que, en vez de destruír datos ou roubar información do usuario, instalaba no equipo das súas vítimas unha aplicación de minaría de BitCoin, de xeito que o responsable deste malware podería conseguir proveito do traballo de ordenadores alleos.
A instalación da aplicación de minado provoca un maior uso de recursos no ordenador afectado, o que provocaría un meirande consumo enerxético, afectaría ao rendemento do ordenador e podería alterar seriamente a estabilidade do sistema, o que sería o prezo a pagar por querer gozar dun videoxogo antes do seu lanzamento e sen pasar por caixa.
Para que os usuarios piquen neste tipo de malware os ficheiros distribuídos pola rede BitTorrent coa copia infectada do xogo imitarían unha das copias populares de Watch Dogs que proviñan de grupos de intercambio de ficheiros moi coñecidos. Tras coñecerse esta falsificación da copia ilegal a meirande parte das páxinas web que a distribuían eliminaron os ficheiros que facilitaban a súa descargar por parte de imprudentes usuarios.


Trailer de lanzamento de Watch Dogs

PUBLICIDADE