Cisco quere levar a videoconferencia ao salón

xoves, 7 de outubro do 2010 Marcus Fernández

Aínda que Cisco é un fabricante centrado en produtos profesionais, tamén mira para o fogar, e consideran interesante levar o fenómeno das videoconferencias ao contorno familiar, de aí que presenten a súa nova solución Cisco ümi, que é un sistema de videoconferencia de alta definición a 1.080p que pode conectarse directamente ao televisor do salón, contando esta solución cunha cámara e un receptor que comunica coa Internet e tamén pode gravar vídeo para poder logo compartilo na Rede.
Este sistema de videoconferencia é actualmente compatible con Google Voice, e no futuro interoperará tamén con outros servizos semellantes coma Skype. A súa cámara pode controlarse mediante mando a distancia dende a comodidade do sofá e o seu principal atranco para a chegada aos fogares é o seu prezo, pois nos EE.UU. comezarán a vendelo o vindeiro día 18 por 599 dólares aos que habería que engadir unha incomprensible cota mensual de 24,99 dólares para facer chamadas ümi, videomensaxería e almacenamento de vídeo (servizos que outras compañías ofrecen de balde).


Vídeo de presentación do Cisco ümi

Cisco ümi pretende ser un produto para toda a familia

PUBLICIDADE