Cita de blogueiros afeccionados ós videoxogos en Barcelona

xoves, 29 de marzo do 2007 Raquel Noya

Coa intención de intercambiar opinións face contra face, desvirtulizarse, estreitar vínculos e crear comunidade (entre outras cousas), os blogueiros barceloneses de Akihabara Blues e outros internautas de todo o estado español con devoción polas consolas decidiron convocar a Primeira Kedada de Bloggers sobre Videoxogos en Barcelona, un acto informal que reunirá ó mellorciño de cada casa nesta materia e entre os que non faltarán a xente de AnaitGames, de Scroll Vertical, de GamesAjare, de Nivel22, o propio Kedume (que formou parte de VidaExtra ata hai uns meses) e moitos máis, polo que a cita pinta moi interesante.
Polo de agora, a data aínda non está confirmada, mais o xoves 5 de abril mantense á cabeza da listaxe dos días propostos en Akihabara Blues para a celebración do acto, escollido polos internautas mediante votación virtual. Por suposto, á xuntanza pode acudir calquera blogueiro (sempre e cando dedique a súa bitácora ou unha parte dela ós videoxogos) aínda que non sexa da propia cidade. De feito, sabedores de que as longas distancias xogan malas pasadas neste tipo de convencións, os organizadores animan ós blogueiros doutras cidades de España a que fagan o mesmo e reúnan ó máximo número de xente posible.
A ver logo se en poucos días podemos anunciar unha quedada para os blogueiros galegos nalgunha das nosas acolledoras cidades. Polo de agora, xa temos ás portas o Xuventude Galiza Net, que aínda que non é un encontro exclusivo para blogueiros, non terá nada que envexarlle a ningunha outra festa bitacoreira que se prece.

PUBLICIDADE