Clásicos de 360 destacan entre os Xogos con Gold de maio

luns, 26 de abril do 2021 Marcus Fernández

A listaxe de Xogos con Gold do mes de maio vén de desvelarse, é pode considerarse tan irrelevante como en meses anteriores, cando menos no que se refire aos títulos para Xbox One, mentres que os xogos retrocompatibles de Xbox 360 si teñen algo máis de peso.
O 1 de maio chegaría aos subscritores Armello, unha aventura fantástica que pode lembrar a xogos de naipes e de mesa (combinados con elementos de rol), mentres que o día 16 o xogo de Xbox One que podería incorporarse á nosa colección sería Dungeons 3, un típico xogo de estratexia e exploración de alxubes; ambos, xogos pouco coñecidos. Pero os títulos de Xbox 360 que chegan o mes que vén son bastante máis interesantes, comezando polo xa clásico LEGO Batman, todo un referente dos xogos de LEGO, que deu pé a unha franquía con numerosas entregas. Completa o mes Tropico 4, un simulador de estratexia no que tomar o rol dun soberano dunha pequena nación.

PUBLICIDADE