Clausurado con éxito o campamento dixital de Barreiros

venres, 23 de agosto do 2024 S. P.

O Campamento Dixital organizado este verán polo Concello de Barreiros en colaboración coa Fundación CiberVoluntarios chegou ao seu remate o pasado venres 16 de agosto, despois de tres semanas de “intensa e divertida aprendizaxe”, segundo informaron fontes do Consistorio, engadindo que na actividade participaron 13 rapazas e rapaces, que completaron con éxito esta formación, que tivo lugar na Aula CeMIT de Barreiros.
A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, xunto coa concelleira de Servizos Sociais, Carmen Veiga, e a concelleira de Educación, Montse Porteiro, participaron na entrega de diplomas aos mozos e mozas que finalizaron o campamento.
Durante o acto, a alcaldesa destacou a importancia deste tipo de iniciativas para fomentar a inclusión e a transformación dixital entre a mocidade: “É fundamental que as nosas rapazas e rapaces adquiran competencias dixitais que lles permitan un uso consciente e responsábel das tecnoloxías. Estamos moi satisfeitas de que o Campamento Dixital de Barreiros fose un éxito e de que a nosa xuventude amosase tanto interese e compromiso durante todo o curso”, sinalou a rexedora.
O campamento, que se desenvolveu de luns a venres en horario de 11:00 a 13:00 horas, incluíu formación recollida no Marco Europeo de Competencias Dixitais DIGCOMP sobre o uso seguro de Internet e das redes sociais e tamén, sobre protección da identidade dixital.
O Concello de Barreiros agradeceu a colaboración da Fundación CiberVoluntarios e o compromiso de todas as persoas implicadas neste proxecto.