Cloud.gal achegará servizos de ciberseguridade e eficiencia ás empresas de Lugomadera

venres, 4 de abril do 2025 S. P.

Cloud.gal, empresa tecnolóxica galega especializada en servizos na nube e ciberseguridade, formalizou un acordo de colaboración coa asociación empresarial Lugomadera para asegurar que os procesos de dixitalización no sector madeireiro “sexan desenvolvidos de maneira segura e eficiente”.
En virtude do convenio, Cloud.gal actuará como provedor de solucións tecnolóxicas para as empresas asociadas, ofrecendo ferramentas adaptadas ás súas necesidades e liderando a implantación de boas prácticas en ciberseguridade. Esta alianza tamén contempla un acompañamento especializado para pemes, facilitando a súa transición cara a contornas dixitais seguras.
Un dos eixos clave do convenio é o acceso a subvencións e axudas públicas destinadas a facilitar este proceso de cambio tecnolóxico, especialmente no ámbito da ciberseguridade. En calidade de axente dixitalizador, Cloud.gal asumirá sen custo algún para as empresas asociadas a xestión destas axudas, aliviando a carga administrativa e aumentando as posibilidades de acceso a financiamento público.
Dende a empresa explican tamén que “entre as accións previstas no marco do acordo figuran xornadas informativas, asesoramento técnico personalizado e materiais de apoio para fomentar unha dixitalización segura e adaptada ás necesidades reais do sector madeireiro”.
O director executivo (CEO) de Cloud.gal, Rafa Villaverde, mostrou a súa satisfacción por “colaborar con Lugomadera e deste xeito poder achegar o noso coñecemento en tecnoloxía e ciberseguridade para que as empresas do sector poidan dar o paso cara á dixitalización con total confianza”. Ademais, Villaverde indicou que “este acordo reforza a nosa misión de tender unha man para o fortalecemento dixital do tecido empresarial galego”.
Pola súa banda, Mari Carmen Gayoso, presidenta da asociación empresarial, explicou que “a dixitalización é unha necesidade, pero debe facerse con seguridade e garantías. Con este acordo, as nosas empresas poden avanzar sabendo que teñen o respaldo dun equipo especializado en protexer a súa información e os seus sistemas”.
Como parte deste compromiso, Cloud.gal xa realizou unha auditoría de ciberseguridade á propia sede de Lugomadera, sentando así as bases “dunha colaboración baseada na confianza e o exemplo práctico das medidas que se promoverán entre as empresas do sector”, sinalaron.
Desde a asociación destácase que esta colaboración representa un paso máis na modernización do sector, e que a súa difusión levará a cabo mediante as canles habituais de Lugomadera, facilitando así o acceso dos seus membros a ferramentas prácticas e apoio experto.
O convenio ten unha duración inicial dun ano, con renovación automática, e reforza o compromiso de Lugomadera cunha “transformación dixital que non só impulse a competitividade, senón que tamén garanta a seguridade dos seus asociados fronte aos retos da contorna dixital”.