Cloud.gal faise cun accésit á Dixitalización e Innovación nos Premios Peme do Ano A Coruña 2025
luns, 15 de setembro do 2025
Os Premios Peme do Ano A Coruña 2025 tiveron un marcado cariz tecnolóxico, tal e como sinalamos a semana pasada dende este medio. Entre as firmas distinguidas atopábase Cloud.gal, empresa tecnolóxica galega especializada en servizos na nube e ciberseguridade, que foi premiada a través do seu matriz Infonet (Informática e Networking Compostela), cun accésit na categoría de Dixitalización e Innovación nos Premios Peme do Ano A Coruña 2025, un galardón que recoñece o esforzo da compañía por impulsar a transformación dixital e situarse á vangarda da innovación en Galicia.
A candidatura presentada por Cloud.gal destacaba “a evolución e mellora continua seus produtos da empresa”, e tamén a súa participación en proxectos europeos estratéxicos como DS4MOB, iniciativa pioneira na creación dun Espazo de Datos de Mobilidade Avanzado para mellorar a mobilidade transfronteiriza. Este proxecto, desenvolvido onda a empresa compostelá Infonet, permitirá integrar información clave sobre transporte, tráfico e viaxes en diferentes rexións, con beneficios tanto para institucións e empresas como para a cidadanía.
Ademais do seu liderado en DS4MOB, Cloud.gal acumula unha sólida traxectoria no ámbito da dixitalización, con máis de 300 proxectos apoiados a través de programas das Cámaras de Comercio, Red.es e IGAPE.
Fontes da empresa subliñaron que “con este recoñecemento reforzamos a nosa posición como empresa de referencia en innovación tecnolóxica en Galicia e revalida o noso compromiso co desenvolvemento de solucións que melloran a competitividade, a sustentabilidade e a calidade de vida da sociedade”.
