Cloudflare alerta da ameaza da IA para os medios de comunicación

venres, 20 de xuño do 2025 Marcus Fernández

Matthew Prince nunha instantánea de Anthony Bourgeois para Axios

Cannes acolleu onte a celebración dun evento Axios Live titulado Alén do titular: o futuro dos medios, a tecnoloxía e o lecer, no que a xornalista Sara Fischer conversou co director xeral de Cloudflare, Matthew Prince, que alertou da ameaza que supón a intelixencia artificial para os medios de comunicación.
Prince deu conta do cambio que está a producirse no tráfico das páxinas web, con cada vez menos humanos e máis motores de busca e de sistemas de IA, que vampirizan o contido para ofrecer directamente a información aos usuarios en vez de canalizar tráfico aos medios como se facía anteriormente.
Asegura que o feito de que ata o momento eran orixes de tráfico para páxinas web, agora achegan resumos elaborados mediante IA, e aínda que en moitos casos acheguen ligazóns para ampliar información, moi poucas veces o usuario preme nas mesmas (pois xa resolveu a súa dúbida), o que levará a que os medios teñan que reavaliar os seus modelos de negocio.
O máximo responsable de Cloudflare ilustrou a situación comentando que hai dez anos Google exploraba 2 páxinas web por cada visitante que enviaba a un medio, tal relación pasaría a ser de 6 a 1 hai seis meses, e actualmente a relación sería de 18 a 1. A proporción sería moito peor dende compañías como OpenAI, que pasaría dunha relación de 250 a 1 hai seis meses á ridícula relación de 1.500 a 1 actual (que aínda sería moito peor no caso de Anthropic, que ten unha relación de 60.000 a 1).
Estes cambios indicarían que os usuarios agora confían moito máis na IA que hai seis meses, e non se molestan en consultar o contido orixinal para verificar a información, de xeito que consumir resumos elaborados pola IA está a converterse nunha tendencia que fai perigar o futuro da web.
Dende Cloudflare están a traballar en solucións tecnolóxicas que protexan os contidos aos actuais exploradores que empregan os sistemas de IA e que normalmente ignoran as indicacións dos editores de non explorar (que os buscadores respectan escrupulosamente dende hai décadas). Matthew Prince cre que serán quen de superar tal reto coas palabras «vou á guerra todos os días contra o goberno chinés, o goberno ruso, os iranianos, os norcoreanos, probablemente tamén os estadounidenses, os israelís, todos eles intentando acceder ilegalmente aos sitios dos nosos clientes. E disme que non podo deter un friki cunha empresa en Palo Alto?».