Clubhouse permite enviar cartos aos creadores

martes, 6 de abril do 2021 Marcus Fernández

A aplicación de referencia do fenómeno do audio social, Clubhouse, aínda que ten serios problemas para a súa popularización por mor da súa ausencia en Android, continúa a avanzar outros eidos para conseguir fidelizar aos creadores e público, e así poder sobrevivir á dura competencia que está a chegar (encabezada por Twitter Spaces, que este mesmo mes pretende abrirse totalmente). Como incentivo para o uso de Clubhouse anuncian a súa primeira funcionalidade de monetización, a posibilidade de remitir pagamentos dende a aplicación aos creadores.
Esta nova opción, en probas para un grupo reducido de usuarios, permite que dende a ficha de perfil dun usuario poida premerse nun botón para enviarlle cartos, transacción económica que precisa de tarxetas bancaria que será procesada por Stripe e da que Clubhouse non sacará tallada (aínda que a empresa de pagamentos si cobrará comisión pola operación). Deste xeito os creadores de salas de audio en Clubhouse teñen unha ferramenta coa que poder facer cartos coa súa actividade, aínda que este método non parece moi amigable para o usuario, xa que resulta excesivamente mercantilista ao traballar directamente con cartos, mentres que outras plataformas como Twitch agochan as operacións baixo unha cámara de economía virtual, reducindo lixeiramente a fricción que producen tradicionalmente os pagamentos.

PUBLICIDADE