Cobra Kai estrea videoxogo

martes, 27 de outubro do 2020 Marcus Fernández

En 1984 o filme Karate Kid converteuse en todo un fenómeno que deu pé a unha saga que deixou unha fonda pegada na cultura popular, como demostrou hai un par de anos a serie Cobra Kai, secuela ambientada da actualidade, que estreou dúas tempadas en YouTube, aínda que o seu grande éxito chegou hai pouco, coa súa incorporación a Netflix, plataforma que estreará unha terceira tempada o vindeiro 8 de xaneiro.
Aproveitando o rexurdir do fenómeno dende GameMill tiveron a ben adaptar a serie a un videoxogo de loita homónimo, que permite tomar o control de 8 personaxes distintos (con cadanseus progresos e técnicas especiais) e conta incluso con cooperativo multixogador.
Cobra Kai conta cunha liña argumental dobre, de xeito que podemos optar por controlar a Daniel LaRusso e os seus alumnos do Miyagi-Do Karate nunha campaña histórica ou elixir a Johnny Lawrence e os seus discípulos do Cobra Kai. De completar ambas partes da campaña desbloquearase un final verdadeiro.
O xogo conta con evolución de personaxes ao estilo dos xogos de rol, conta cun sistema de cambio de personaxe (dentro do seu respectivo dojo), e conta con 28 misións cargadas de personaxes e inimigos da serie, contando incluso coas súas voces orixinais.
O novo xogo de Cobra Kai está dispoñible por 39,99 euros en versións para Xbox One, para PlayStation 4 e para Nintendo Switch en formato descargable, chegando en breve ás tendas tamén en formato físico.

JPEG - 113.1 KB
Os personaxe do xogo contan con técnicas específicas
JPEG - 99.2 KB
Aparte de elixir aos personaxes de Cobra Kai, tamén poderemos optar polos membros do Miyagi-Do Karate liderados por Daniel LaRusso

Tráiler do xogo

PUBLICIDADE