Código Cero e Ollar obteñen o Premio Lingua e Empresa 2020 do Concello de Ames

xoves, 3 de decembro do 2020 Redacción

O xurado da terceira edición do Premio Lingua e Empresa 2020 do Concello de Ames vén de recoñecer co dito galardón a nosa empresa, o Grupo Código Cero Comunicación, con sede no Polígono de Milladoiro (Ames), polo uso irrenunciábel do galego para o seu principal cometido como medio informativo: dar conta das principais novidades do ámbito das novas tecnoloxías relacionadas coa nosa terra e co noso progreso dixital.
O xurado decidiu por unanimidade distinguir co dito galardón a aposta dupla polo galego de Código Cero: na súa vertente en liña e na súa vertente en formato tradicional (a revista mensual en papel).
O Premio Lingua e Empresa tamén recoñeceu a Ollar, centro óptico e auditivo.
Trátase da terceira edición deste premio posto en marcha polas concellarías de Normalización Lingüística e de Promoción Económica. A través desta iniciativa preténdese “recoñecer publicamente a contribución ao aumento e á mellora do uso social do galego dende o ámbito empresarial, así como promover o uso da lingua galega na actividade económica do concello de Ames”.
Nesta edición o premio establecía dúas categorías, dotadas cada unha delas con 1.500€ máis unha campaña de difusión na radio de Ames.
Na categoría A, de uso consolidade da lingua, na que participaban “empresas que realizan un uso estábel e continuado da lingua galega dende hai máis de dous anos”, a empresa gañadora foi o noso grupo, Código Cero, polo “seu labor decidido e comprometido a prol da normalización lingüística no eido da comunicación, nomeadamente no ámbito tecnolóxico”. O xurado destacou “a aposta pola lingua galega como elemento de marca, o impacto da publicación e a relevancia da súa actividade”.
Na categoría B, nova incorporación ou creación, participaron “empresas que se crearon nos últimos dous anos ou que se incorporaron ao galego dentro dese mesmo período”. A firma premiada foi finalmente Ollar, por “incorporar a lingua á súa actividade de maneira regular, coherente e implicada, apostando claramente polo galego en todos os eidos, tanto internos como externos”.
As entidades participantes deste 2020 pertencían a diferentes ámbitos: medios de comunicación, parques infantís, centros visuais e auditivos, clínicas dentais, estudos fotográficos, grupos musicais, despachos xurídicos, xestorías, empresas de deseño, artes gráficas etc.
O xurado, reunido o pasado 1 de decembro para decidir os galardoados, estivo formado por Antía Cidre Pereira, de Pestiscos Gastrobar, unha das empresas gañadoras da pasada edición, Miguel López Crespo, xecretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia e Antía Rei Martiz, graduada en Lingua e Literatura Galegas e colaboradora no Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames. En representación do Concello de Ames participaron na xuntanza do xurado o técnico de Promoción Económica, Jorge Couñago Castro, e a técnica de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras Cuñarro.
O uso do galego no tecido socioecomómico sempre suma
Os membros do xurado destacaron “a responsabilidade social, o gran traballo e a alta calidade de todos as empresas candidatas ao Premio Lingua e Empresa”, dado que “todas elas están a desenvolver un gran labor a prol da normalización dos usos lingüísticos en galego no ámbito empresarial e, máis concretamente, no sector en que cada empresa se insire”.
Ademais, engadiron, “todas elas son unha mostra de que o uso do galego no tecido socioeconómico sempre suma e nunca resta calidade á oferta empresarial”.

PUBLICIDADE