Codigocero.com cumpre nove anos de vida

martes, 27 de xullo do 2010 Xosé María Fernández Pazos

O director de Código Cero, Xosé María Fernández Pazos, nunha imaxe tomada durante o primeiro ano desta publicación.

Nove anos, 3.287 días é a vida deste portal, que naceu o 25 de xullo do ano 2001 e que este domingo cumpriu anos. Nacido dun programa radiofónico, codigocero.com, é hoxe o sexto medio de comunicación de Galicia na rede, e o primeiro integramente en lingua galega. Ocupa o posto 152.111 do mundo e o 2.928 de España.
Con máis de 33.300 usuarios únicos, o noso portal é consultado por unha maioría de internautas con estudos superiores, que o fan case na mesma proporción desde o traballo que desde o fogar, e case na mesma proporción de homes que de mulleres, iso si, no caso dos homes con idade menor de 45 anos e no das mulleres por riba dos 40 anos.
Código Cero é visitado mensualmente por máis de 250.000 internautas, cunha permanencia media no portal de 354 segundos, e que descargan máis dun millón cen mil novas cada mes. A estas espectaculares cifras únese o noso boletín diario, que reciben 2.884 subscritores de xeito gratuíto, o que fai que se eleve o número de visitantes a 320.000 mensuais.
Hoxe codigocero.com é o referente das novas tecnoloxías e da sociedade da información do noso país. Está escrito no cen por cento en galego, aínda que conta con tradución automática ao castelán, e conta co apoio da súa irmá pequena, a revista Código Cero, que distribúe cada mes cinco mil exemplares en máis de 250 puntos de Galicia, e chega a preto de mil subscritores por correo ordinario e a preto de 3.000 por correo electrónico e en PDF.
Os responsables deste proxecto son un grupo de amigos e traballadores que levan nove anos nesta iniciativa, que comezou na súa web unha nova andaina, con novo deseño e unha maqueta máis áxil, máis dinámica e con novas seccións, apostando amais polas redes sociais e polo aspecto gráfico, que pasan agora a ser máis visibles no portal.
Esperamos seguir contando co apoio dos nosos lectores e co de empresas, administracións, organizacións e asociacións, que manteñen este proxecto pioneiro en Galicia e en España e sen os cales non sería posible seguir.
Desexamos que este re-deseño sexa do agrado dos lectores, e por suposto esperamos contar co seu apoio e coas súas suxestións, e agora máis co uso das redes sociais.
Mil grazas por estes máis de 3.300 días de traballo, esforzo e ilusión e o noso desexo de ter polo menos tres mil días máis na nosa lingua.

O equipo de Código Cero

PUBLICIDADE