Coinbase recoñece ser vítima dunha filtración de datos
venres, 16 de maio do 2025
Coinbase, a meirande compañía de intercambio de criptomoedas de EE.UU., anunciou que podería sufrir perdas de entre 180 e 400 millóns de dólares pro mor dun ciberataque que afectou os datos dun pequeno subconxunto dos seus clientes. A compañía recibiu o 11 de maio un correo electrónico dun atacante descoñecido no que este aseguraba ter acceso a información de contas de usuarios e documentos internos pedindo un rescate de 20 millóns de dólares pola información. Segundo explicou a empresa, foron roubados nomes, enderezos e correos electrónicos, mais non credenciais de acceso nin contrasinais. Coinbase comprométese a reembolsar os clientes que foron enganados para enviar fondos aos atacantes.
Os autores do ataque conseguiron datos a través de contratistas e empregados con roles de soporte fóra dos Estados Unidos, aos que lles pagaron por esa información. A compañía confirmou que os implicados xa foron despedidos.
Coinbase rexeitou pagar un rescate de vinte millóns de dólares e puxo en marcha unha recompensa do mesmo importe para quen forneza información sobre os responsables. Tamén anunciou a creación dun novo centro de atención ao cliente nos Estados Unidos, entre outras medidas para reforzar a seguridade.