Colexios de oito concellos gañan os premios do VII Concurso de Podcasts-Radio na Biblio

luns, 5 de maio do 2025 S. P.

A Consellería de Educación vén de publicar os gañadores do VII Concurso de Podcasts-Radio na Biblio, que convoca o dito departamento da Xunta en colaboración coa Radio Galega. Oito centros educativos da Baña, Bueu, Cospeito, Ferrol, Laza, Malpica de Bergantiños, Vedra e Vilagarcía de Arousa álzanse cos galardóns deste certame, que nesta edición está dedicado ás cantareiras e á poesía popular oral, ás que se lle rende homenaxe co gallo do Día das Letras Galegas 2025.
Deste xeito, a través destes traballos homenaxéase a Adolfina e Rosa Casás Rama (Cerceda), Eva Castiñeira Santos (Muxía), e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda e máis Manuela Lema Villar (as tres Pandeireteiras de Mens, en Malpica, falecidas hai máis dunha década), e rememórase á literatura de base popular, sempre unida á música como tesouro patrimonial colectivo.
Os centros participantes presentaron un podcast en lingua galega cunha duración de entre tres e cinco minutos, que podía ser unha entrevista, unha cuña publicitaria, un espazo de noticias, un faladoiro, un recital, un debate ou un programa monográfico, entre outros. O contido debía versar sobre aspectos bio-bibliográficos das mulleres homenaxeadas, a importancia e representación das cantigas populares, a relación entre a literatura e a música e a muller na literatura galega ou as mulleres nas Letras Galegas.
A continuación damos conta dos centros e traballos galardoados

Categoría

Provincia

Concello

Centro

Podcast

Ed. Infantil

Ourense

Laza

CEIP O Castiñeiro

O noso son

1º e 2º de Ed. Primaria

A Coruña

Ferrol

CEIP Plurilingüe San Xoán de Filgueira

Esas voces que resoan

1º e 2º de Ed. Primaria

A Coruña

Vedra

CEIP Ortigueira

Eco do pasado

3º e 4º de Ed. Primaria

Pontevedra

Bueu

CEIP Plurilingüe da Torre- Cela

Sabichón 2P2 e os misterios. O mundo das cantareiras

5º e 6º de Ed. Primaria

A Coruña

Malpica de Bergantiños

CEIP Milladoiro

A nosa herdanza

1º e 2º de ESO

Lugo

Cospeito

CPI Plurilingüe Virxe do Monte

Cultugal

3º e 4º de ESO

A Coruña

A Baña

CPI de San Vicente

As Letras cantan, e A Baña tamén!

Outras ensinanzas

Pontevedra

Vilagarcía de Arousa

CEE de Vilagarcía de Arousa

Cantareiras: voces e tradición

Cada un deles recibe unha asignación de 1.250 euros para melloras no laboratorio/emisora de radio ou para actividades relacionadas co funcionamento deste laboratorio de radio, sempre vinculado á biblioteca do centro. Os traballos premiados serán emitidos por Radio Galega e serán difundidos a través de Agalegaaudio.gal. Podían participar neste concurso os 220 centros públicos que forman parte do programa Radio na Biblio da Consellería de Educación, Ciencia, Universidade e FP, así como outros centros que traballan co laboratorio de radio como ferramenta pedagóxica.