Colle impulso a laboratorio audiovisual (LAIC) da Coruña, da man de María Yáñez

luns, 14 de xaneiro do 2019 Fernando Sarasketa

O Concello da Coruña retoma esta semana o seu programa Coruña Dixital, que comeza unha terceira edición de actividades co obxectivo de “activar novas comunidades e conectar colectivos da cidade para traballar, botando man das novas tecnoloxías, en novas prácticas culturais, creativas e sociais”. Co inicio desta terceira edición de Coruña Dixital colle pulo definitivo a programación do Laboratorio Audiovisual de Innovación e Creación (LAIC) para este ano, logo do encontro Que hai en Internet?, celebrado en decembro. Á fronte do laboratorio (coordinando) atópase a divulgadora María Yáñez. Este 18 de xaneiro, o LAIC desenvolve unha sesión co epígrafe De que falamos cando falamos de narrativas populares contemporáneas?
Na cita deste venres farase unha introdución a cuestións como a linguaxe popular de Internet (como é, quen a produce, onde se distribúe, para que serve), as subculturas dixitais (que teñen en común os gatos, Operación Triunfo e Bolsonaro?) e as ferramentas e linguaxes de meirande potencial comunicativo e creativo que temos ao noso alcance. Na segunda parte da sesión establecerase a composición do grupo, os obxectivos para o trimestre e o método de traballo, tanto presencial como en liña. As seguintes citas do LAIC serán o 1 de febreiro (Novos xéneros audiovisuais na Rede), o 15 de febreiro (Taller de videocreación para a Rede, con Christian Flores e Anabel Lorente), o 1 de marzo (As plataformas configuran a linguaxe de Internet) e o 15 de marzo (repaso e remate dos traballos). Por outra banda, haberá unha sesión final do laboratorio o 22 de marzo, no que se darán cita todos os grupos do LAIC.

PUBLICIDADE