Colle impulso dende a Tecnópole unha plataforma B2B que conecta a todos os implicados na construción dunha vivenda

martes, 11 de xaneiro do 2022 S. P.

No seo da Tecnópole (Parque Tecnolóxico de Galicia) vén de coller impulso unha solución dixital chamada a mellorar o crecemento, a transformación e as relacións comerciais entre profesionais do deseño, a construción de espazos (interiorismo, reformas, rehabilitacións, homestagers) e a arquitectura. Estamos a falar de Laminfy Pro, plataforma online B2B (de profesional a profesional) habilitada pola startup galega do meso nome, cuxo obxectivo é marcar un antes e un despois na forma de construír relacións comerciais entre empresas dos ditos sectores, así como “aumentar a visibilidade para que miles de potenciais usuarios particulares poidan acceder a estes profesionais destacados e inicien novos proxectos”.
Segundo sinalan dende a startup con centro de operacións no CEI da Tecnópole, “calquera empresa de construción poderá atopar en Laminfy Pro desde un arquitecto de paisaxes, un homestager ou expertos en domótica para que xuntos poidan crear proxectos. Os principais beneficios desta proposta radican especialmente na visibilidade en liña (utilizando SEO e SEM personalizado) e o networking entre profesionais”.
Para impulsar esta metodoloxía de traballo establécese que cada cliente leve asociado o seu propio “account manager de confianza” con vistas a trazar de maneira conxunta o rumbo a longo prazo do crecemento dixital do negocio, en función do plan de subscrición elixido.
Outro punto no que destaca a plataforma é no feito de que non exista custe algún por intermediar entre os proxectos dos expertos. Dende Laminfy apuntan a que a finalidade é “xerar relacións de calidade duradeiras cos profesionais, sen ataduras a ningún cliente ou usuario”.
Tamén engaden que entre os seus retos para este ano que comeza atópase o de acadar presenza en liña en todas as cidades máis importantes de España, onde máis se demandan este tipo de servizos. Segundo reflicte a Tecnópole, a finais de 2021, antes do lanzamento da plataforma, xa contaban con máis de 60 empresas verificadas e rexistradas ao longo de toda a península. Outro dos seus propósitos é “contribuír a que cada profesional ou empresa ofreza a nivel dixital unha imaxe impecábel, que lle permita xerar novos clientes e contratos, e construír unha presenza de marca en liña a longo prazo que garanta o éxito conxunto”. A maiores, figura na súa folla de ruta facerse con tendas, establecementos e empresas provedoras que fornezan a centos de profesionais e que obterán descontos exclusivos por ser “membros Pro”.

PUBLICIDADE