Colle pulo a aceleradora galega de proxectos de saúde TIC, Senda Startup

mércores, 10 de xaneiro do 2018 Fernando Sarasketa

SIVSA, Innova Labs, Coremain e Autronic son as compañías que están detrás de Senda Startup, aceleradora galega para proxectos innovadores ligados á saúde dixital, á eficiencia hospitalaria e ás metodoloxías para garantir o envellecemento activo. Segundo informa SIVSA, Senda seleccionou xa os tres proxectos de alicerce tecnolóxico que se desenvolverán na súa primeira edición. Trátase das startups viguesas Avisa_Me e B-Strength, e dun monitor de hospitais de Santiago achegado por Coremain. As tres firmas innovadoras centran a súa actividade nas áreas da saúde, o benestar, a asistencia ou os recursos para garantir a calidade de vida na terceira idade.
SIVSA tamén conta que todas as startups empezaron xa a recibir asesoramento e financiamento personalizado e adaptado ás súas necesidades, desde a sede de Senda Startup e o espazo de co-working que se atopa na Zona Franca de Vigo.
Respecto de Avisa_Me, é unha iniciativa viguesa que propón un servizo de información pioneiro en España e dirixido a acompañantes de pacientes da área cirúrxica. Promovida polo enfermeiro vigués Daniel Simón, aposta por romper as barreiras físicas das salas de espera, creando unha nova canle de comunicación directa entre o equipo cirúrxico e os acompañantes do paciente. O sistema dá a posibilidade ao usuario de non ter que ficar na sala de espera durante o tempo que dura a cirurxía, “coa tranquilidade de saber que recibirá un aviso”, engade SIVSA. Este aviso realizarase a través de SMS cando a intervención chegue ao seu remate. O principal obxectivo de Avisa_Me durante o seu paso por Senda Startup é dar o chimpo ao exterior. De feito, a plataforma xa está integrada en toda a área cirúrxica e na Unidade de Reanimación do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e entre os seus plans a medio prazo atópase estender a ferramenta a outras áreas do hospital, como Oncoloxía ou Hemodinámica, chegar ao resto de hospitais públicos galegos e ter presenza no mercado latinoamericano.
B-Strength, pola súa banda, vén da man do adestrador físico vigués Ramón Lago e salienta por presentar unha solución que mellora, de forma automatizada, o estado físico das persoas. É unha iniciativa concibida en gran parte para resolver un dos principais problemas do sector da rehabilitación e o envellecemento activo: o control automático da forza e o cálculo exacto do peso que se necesita para traballar no mantemento da masa muscular. Esta máquina de adestramento incorpora un sistema de tiro innovador cun motor eléctrico e a un asistente virtual.
O terceiro proxecto é un monitor de procesos impulsado pola firma santiaguesa Coremain e liderado polo enxeñeiro técnico informático Marcos Mata. Trátase dunha plataforma para o seguimento de procesos enfocada a mellorar a calidade e a eficiencia dos servizos hospitalarios. O obxectivo é simplificar as tarefas técnicas complexas de modelado e monitoraxe, para que calquera profesional, sen un perfil técnico, poida deseñar e analizar no sistema un proceso asistencial ou administrativo. Nun plano máis concreto, posibilitará facer seguimento de cousas como o fluxo integral de hospitalización dun paciente ou analizar os tempos e procedementos desde que o usuario accede a urxencias até que recibe o alta. O sistema tamén é quen de achar posíbeis puntos de mellora en canto ao servizo asistencial, o gasto sanitario ou o tempo de cada proceso.

PUBLICIDADE