ComTecArt afronta a recta final do seu traballo para converter Arnoia, Arnoia en videoxogo
xoves, 31 de marzo do 2022
Este
31 de marzo tivemos ocasión de coñecer máis detalles do proxecto
para converter a novela Arnoia, Arnoia, de Xosé Luís Méndez
Ferrín, en videoxogo, unha iniciativa da que falamos os días
pasados en Código Cero, con motivo do seu arrinque, destacando
que vén de man da residencia creativa ComTecArt (unha das seis
residencias desta índole que acolle a Cidade da Cultura nesta
primeira metade de ano) na que participa un grupo de 9 estudantes e
persoas egresadas de diferentes perfís e titulacións da UVigo.
Segundo puidemos saber, a
residencia (impulsada de xeito conxunto dende a Universidade de Vigo
e a Xunta) remata esta fin se mana no Gaiás logo dun mes de intenso
traballo.
Tres
áreas
O
alumnado da UVigo, procedente de cinco titulacións diferentes e dos
tres campus da universidade, desenvolve o seu traballo no Gaiás
organizados en tres áreas: deseño, ilustración e arte, e
programación e Intelixencia Artificial, como se fosen tres
departamentos dunha produtora que deben coordinarse para desenvolver
un proxecto único. Segundo destacan a UVigo e máis a Xunta
(Consellería de Cultura e Educación) trátase “dunha experiencia
moi inmersiva” na que, como salientan tamén os profesores
responsábeis da iniciativa, “sobresae o bo ambiente de traballo
xerado entre o grupo de estudantes, que non se coñecían
previamente”.
Narrativa,
arte e tecnoloxía en equipo
Os
participantes encárganse, entre outras cuestións, de escribir o
guión literario e os diálogos, deseñar a narrativa da historia e
coordinar os outros departamentos. Tamén son artífices da parte
estética do xogo, desde definir a paleta de cores que empregarán
ata crear os bocexos das personaxes, as texturas e, en definitiva,
trasladar as palabras coas que Méndez Ferrín describe o mundo
máxico de Arnoia, Arnoia a un escenario de videoxogo.
O
equipo tamén traballa a área de programación, a través tanto de
liñas de código como formas xeométricas en movemento, dando forma
a unha sorte de esqueleto sobre o que máis adiante se aplicarán os
deseños e a arte do xogo. Este departamento é tamén o responsábeis
de dar vida ás personaxes, así como de establecer a física dos
obxectos e dos escenarios para que aquelas poidan interactuar con
eles sen erros.
Logo
do remate da residencia, o equipo seguirá afinando o xogo máis aló
da estadía no Gaiás co obxectivo de presentar o resultado ao
público da mellor forma posíbel. Á hora de valorar o seu paso pola
Cidade da Cultura, os participantes coinciden en destacar “o bo
ambiente”, a “enriquecedora comunicación interdisciplinar” e
“o desafiante dunha experiencia” que lles achega un pouco máis
as súas aspiracións de dedicarse profesionalmente ao
desenvolvemento de videoxogos.