Comeza a comercialización das HoloLens 2

venres, 8 de novembro do 2019 Marcus Fernández

Na pasada edición do Mobile World Congress presentáronse as HoloLens 2, lentes de realidade mixta que daban un importante paso adiante fronte á anterior xeración desta tecnoloxía que, polo momento, destínase a aplicacións industriais.
Este produto que comercialízase a un prezo de 3.500 dólares (ou mediante mensualidades de a partires de 125 dólares) por fin está dispoñible para a súa compra tras un período de reservas, polo que os desenvolvedores que queiran experimentar con esta tecnoloxía que mestura a realidade aumentada coa realidade virtual poden por fin facerse cun destes cascos que permiten incluso a interacción con elementos virtuais empregando os propios dedos do usuario, o que permite un uso moi natural das novas interfaces.
Microsoft considera que as HoloLens 2 son un produto axeitado para contornos empresariais nos que o casco pode ser de axuda para labores de deseño, formación, visualización, servizo técnico remoto, colaboración, arquitectura, construción... afastándose do mercado de consumo como querían facer inicialmente as Google Glass, e conseguindo crear certa expectación, sempre con realismo e deixando claro que esta tecnoloxía está a evolucionar a un ritmo bastante pausado, evitando así a decepción de usuarios e empresas, conscientes de que estamos nos primeiros pasos dunha tecnoloxía con grande proxección de futuro e na que poucas compañías están a avanzar con tanta solidez como Microsoft (existindo rumores de que Apple podería entrar no sector na primeira metade de 2020).

PUBLICIDADE