Comeza a construción do edificio da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo
venres, 11 de xullo do 2025
Este venres 11 de xullo comezou oficialmente a construción da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo da Universidade de Vigo, cun orzamento de dez millóns de euros. O proxecto iniciou a súa materialización definitiva cunha visita de autoridades ao campus na que se destacou que, nun contexto de crecemento do sector aeronáutico, a posta en marcha deste edificio é “unha aposta de futuro”.
A presentación do proxecto fíxose no Campus Auga (fronte a parcela na que se construirá) e onde actualmente hai laboratorios da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo que foron visitados polas autoridades durante o acto. Entre as persoas asistentes estiveron Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia; Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo; Román Rodríguez, conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional; Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, e unha ampla representación do equipo de goberno da UVigo; Nieves Lorenzo, directora da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo; Luis Menor, presidente da Deputación de Ourense, e Aníbal Pereira, tenente alcalde do Concello de Ourense.
Un escola para un alumnado excelente e un sector en auxe
A Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo construirase na parcela edificable situada na entrada do coñecido como campus sur do Campus de Ourense, ao carón da Escola Infantil Concepción Saiz Otero. O deseño do edificio corresponde a Javier e Carlos Rodríguez Alcoba, de García Rodríguez Alcoba Oficina de Arquitectura, de Madrid, e a construción recae na empresa ourensá Obras y Servicios Gómez Crespo SL.
O contrato da obra ascende a 10.043.000,01 euros, incluíndo impostos, sendo o valor estimado do contrato e o importe sen impostos de 9.130.000,01 euros. O financiamento deste contrato corresponde nun 40% á Universidade de Vigo e nun 60% á Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP da Xunta de Galicia e faise ao abeiro dos convenios de colaboración asinados entre as dúas institucións para o financiamento de actuacións destinadas ao desenvolvemento do Plan de Infraestruturas Universitarias. A obra ten un prazo de execución de 20 meses, estando previsto que o edificio estea finalizado en febreiro ou marzo de 2027.
As obras agora iniciadas converterán en realidade o deseño gañador do certame de ideas para a construción deste edificio feito pola UVigo. O concurso foi gañado por Javier e Carlos Rodríguez Alcoba, coa proposta bautizada como O Camaleón. Tras gañar o concurso, a este estudo correspondeulle a redacción do proxecto básico, do proxecto de execución e da dirección da obra. A presentación do proxecto arquitectónico do novo edificio foi realizada este venres 11 de xullo por Javier Rodríguez Alcoba. O proxecto, indicou, parte de tres premisas importantes: manter o carácter verde da zona campus onde se localiza e ter en conta que pechará unha gran mazá de edificios universitarios e que está situado nun dos puntos máis importantes de entrada á cidade de Ourense.
O deseño do edificio articúlase en tres pezas: unha sobre rasante, outra semisoterrada e unha “xunta” entre os dous primeiros, cunha forma e posición que vén marcada pola propia topografía do terreo no que se emprazará.
Cuns 6364,88 metros cadrados construídos, o edificio contará con dez laboratorios docentes destinados ao ensino e oito laboratorios de investigación destinados a facilitar recursos ás liñas de investigación que requiran de laboratorios especiais onde poder dispor de maquinaria para investigacións aplicadas no ámbito aeroespacial. Haberá catro aulas para 50 persoas; dúas aulas para 70 persoas e outras dúas para 100 persoas, 35 despachos e unha zona de dirección. Ademais, contempla seis seminarios e unha nave taller de aproximadamente 200 metros cadrados destinada a facilitar recursos ás liñas de investigación que requiran de laboratorios especiais e bancos de proba onde poder dispor de maquinaria pesada, ruidosa ou que necesite grandes superficies. Tamén se contempla que o edificio conte cun espazo de reserva para posibles futuras necesidades da titulación ou do campus.
