Comeza a conta atrás para a sétima edición do Congreso Fluor en Pontevedra
mércores, 30 de abril do 2025
Pontevedra acolleu este mércores 30 de abril a presentación da nova edición, a sétima, do Congreso de Marketing Fluor, organizado polo Clúster da Comunicación de Galicia. Serán dous días de conferencias e mesas redondas con máis de 20 profesionais sobre negocio dixital, publicidade dixital, branding e redes sociais, obradoiros de diferentes temáticas, mesas redondas, relatorios e moito traballo en rede. O evento celebrarase en Pontevedra os días 15 e 16 de maio.
Contarase coa presenza no programa de relatores de primeira liña no sector, como Laureano Turienzo, presidente e fundador da Asociación Española do Retail e do Círculo Iberoamericano do Retail, Xisela López, directora creativa executiva en Sra. Rushmore, Jorge Sandua, creativo en Putos Modernos, e María Canal, directora de mercadotecnia en ElPulpo.
O auditorio de Afundación en Pontevedra repetirá como sede deste evento que organiza o Clúster da Comunicación de Galicia. Na pasada edición, Flúor reafirmou o seu papel como un dos encontros de referencia no ámbito da mercadotecnia, a publicidade e a comunicación dixital en España e Europa. Entre os relatores máis destacados figuraron referentes internacionais como Luis Bassat, lenda viva da publicidade no ámbito hispano; Toni Segarra, considerado un dos creativos máis influentes do país; Andy Stalman, experto en identidade corporativa coñecido como “Mr. Branding”; e Inês Fonseca, publicista e responsábel de mercadotecnia para o sur de Europa de Johnnie Walker.
Na presentación deste 30 de abril participou o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, quen destacou a nova convocatoria do programa da Xunta Alento. Impulso a comunicación para emprender (en colaboración co Clúster de Comunicación e Galicia), co que se ofrece de balde unha axuda en forma de servizos para que, arredor de 30 proxectos de emprendemento, poidan acceder a distintas solucións en mercadotecnia e comunicación executadas por expertos coa finalidade de que estas tarefas sirvan de apoio á comunidade emprendedora en aspectos como a busca de novas canles de comercialización, novos públicos obxectivos, melloras no valor percibido dos produtos e servizos e promoción en xeral, co fin de conseguir unha oferta diferenciada e rendíbel.