Comeza a conta atrás para o inicio na FIC da Coruña da AtlánticaConf 2025
xoves, 22 de maio do 2025
A nova edición de AtlánticaConf, evento referente para a comunidade tecnolóxica galega, está cada vez máis preto: celebrarase para o mes de xuño, os días 13 e 14 e na Facultade de Informática da Coruña. Unha vez máis reunirá centos de persoas ao redor de charlas, obradoiros e espazos de networking con foco no talento local e o software libre. Segundo informou a organización (o GPUL con centro de operacións na FIC e AGASOL), nesta terceira edición contarase con máis de 50 relatorios seleccionados entre máis de 125 propostas, abordando temas punteiros como IA, deseño, sistemas distribuídos ou tecnoloxía aplicada a sectores c.ave como saúde ou medio ambiente.
Como dixemos, esta será a terceira edición da conferencia, tras o éxito da primeira en 2019 e unha segunda edición en 2023 que logrou reunir a máis de 400 participantes. Organizada por GPUL, en colaboración con AGASOL (Asociación Galega de Software Libre), a AtlánticaConf 2025 promete ser un encontro único no que se mostrará a potencia tecnolóxica que se desenvolve en Galicia e as súas aplicacións prácticas.
Durante dous días intensos, a AtlánticaConf 2025 ofrecerá unha programación diversa, poñendo en valor a profesionalidade, a variedade e a riqueza da industria tecnolóxica galega. Contará con charlas de 30 minutos, charlas rápidas de 7 minutos e talleres organizados por comunidades tecnolóxicas.
“A conferencia AtlánticaConf é o sitio no que podes ver profesionais galegos falando de tecnoloxía e que demostran que non fai falta irte fóra de Galicia para traballar e para facer grandes proxectos con impacto global”, destaca Pablo Castro, membro da organización e emprendedor galego, engadindo que “temos a sorte de ter unhas charlas dun grande nivel que representan a potencia tecnolóxica do sector en Galicia; e por riba contamos con relatores de startups galegas referencia a nivel internacional e profesionais que traballan para empresas tan potentes como Ikea, Google ou Cabify, un auténtico orgullo”.
A AtlánticaConf 2025 proporcionará un espazo para a aprendizaxe, a colaboración e oportunidades de networking. As persoas as asistentes terán a oportunidade de interactuar con expertos, compartir experiencias e ampliar os seus coñecementos “nunha contorna estimulante e acolledora”, explican dende a organización.