Comeza a funcionar no estaleiro de Ferrol o deseño gañador do Hackathon 2023

luns, 23 de decembro do 2024 S. P.

Os primeiros prototipos saídos da edición de 2023 do Hackathon Navantia Next Pioneers, organizado por Navantia xunto coa Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e a Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI) ao abeiro do Campus Industrial da UDC, están xa a funcionar na construción dos bloques das fragatas F110.
Este fito de industrialización foi precedido dun período de desenvolvemento no que participou o alumnado gañador do premio, que consistía nunha bolsa de formación para pór a idea en marcha no propio estaleiro.
O reto que se propoñía para solucionar en 24 horas consistía no desenvolvemento dun sistema de posicionamento e conexionado de servizos auxiliares para buques, que implicou substituír as actuais nodrizas de gases e de electricidade por un novo sistema modular, que permitise a conectividade e a sensórica e avanzase na estandarización e cunha montaxe rápida e intuitiva. O resultado son uns buques de aluminio, apilábeis, máis lixeiros, que aproveitan mellor o espazo, que son compatíbeis coa Fábrica Dixital de Bloques, que permiten a integración cos sistemas de Navantia, que aumentan a seguridade e, que grazas á estandarización, ofrecen plena compatibilidade entre bastidores, repostos comúns e materiais xa codificados no estaleiro.
O grupo de estudantes do Campus Industrial de Ferrol encargado do desenvolvemento do proxecto visitou recentemente as instalacións para ver como a súa idea se ten plasmado na realidade. María Caamaño, Andrea Fraga e Alejandro García estiveron acompañados polo seu titor no estaleiro, Iago Romero, así como por persoal de Navantia que os acompañou no reto do Hackathon e durante a súa bolsa de formación, e máis por representantes da Universidade da Coruña, incluíndo a Javier Porto, responsable de Servizos de Produción; José Bello, xefe de taller de Servizos de Produción; Luis López, responsable de Probas Eléctricas; Vicente Díaz, director da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), e José Antonio Pérez, subdirector responsable de Calidade na Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI).
Construíronse tres unidades: unha de gases inertes, outra de gases de oxicorte e, na parte de electricidade, un cadro de subministro de 220V. Está en desenvolvemento, pero aínda non en fase de fabricación, o cadro de 380V. “Temos as primeiras unidades piloto que están funcionando, son operativas, están certificadas e dadas de alta no sistema de Navantia”, explica Javier Porto. O desenvolvemento continuará avanzando na sensórica, que suporá a implantación real no SIVAB (Sistema de Vixilancia Activa no Buque) na construción en grada. Está previsto para principios de 2025. “A observación e a práctica permitirá ademais ver como evolucionan estes prototipos de cara a construír unha versión máis industrializada que facilite a súa extensión a todo o estaleiro”, explicou a UDC.
Os tres estudantes da Universidade da Coruña que obtiveron esta bolsa de formación saíron de Navantia cun emprego e gozaron da súa volta ao estaleiro. Alejandro García, graduado en Enxeñaría Naval e Oceánica, destaca a súa estadía como “meses moi produtivos para a miña formación” nos que poder materializar a teoría que se estuda nas aulas. Andrea Fraga, graduada en Enxeñaría Mecánica, expresa a súa ledicia por ver a súa idea feita realidade. “É unha satisfacción. No ordenador estaba moi ben, pero velo feito e que funcione é xenial”. María Caamaño, graduada en Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais, subliña, como tamén o fan os seus compañeiros, o trato excelente en Navantia e a intensa aprendizaxe. “Ver o traballo que estivemos facendo é unha ledicia e sentímonos orgullosos de que sigan contando con nós”.