Comeza a maré de emprendemento e creatividade da sexta Pont-Up Store

xoves, 19 de setembro do 2019 Fernando Sarasketa

JPEG - 88.8 KB
Premiadas e premiados na anterior edición da Pont-Up Store, na carpa da praza de España en Pontevedra

Malia que realmente xa comezou, dende onte, a feira pontevedresa de emprendemento e innovación Pont-Up Store (sexta edición) chega este venres ao que sería o inicio do seu punto culminante. E farao coa inauguración oficial do evento, ás 11.30 horas na praza de España, o centro de operacións da feira, onde teñen presenza propia (lucindo achados e empuxe innovador) arredor de medio cento de novas iniciativas empresarias da nosa terra.
Na apertura da cita, promovida polo Campus CREA (UVigo) co apoio do Concello de Pontevedra como patrocinador principal, participarán Manuel Joaquín Reigosa, reitor da UVigo, Pedro Figueroa, director do Pont-Up Store, Gregorio Luís Agís, deputado da Deputación de Pontevedra, José María Corujo, presidente de AEMPE, e Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde da cidade.
Logo da presentación oficial, os participantes achegaranse aos emprazamentos emprendedores habilitados na praza de Pontevedra, para dar conta das propostas dos participantes. Esta carpa será o escenario principal (que non o único) dun programa ateigado de actividades: máis de 60. O lema compartido de todas elas será reivindicar a afouteza da xente valente que se lanza a materializar, contra vento e marea, unha idea de negocio.
46 exemplos da “xente valente”
O impulso da xente valente é o lema desta edición do Pont-Up Store, para a que foron seleccionadas 46 novas empresas, que darán a coñecer os seus proxectos a través das tres modalidades de participación no evento. Así, 36 delas contarán cun espazo de balde na carpa da praza de España e algunhas delas participarán, xunto ás dez restantes, no Puntazo Express, evento no que dez emprendedores defenderán os seus proxectos diante dos e ás responsábeis de catro empresas, ou ben serán as organizadoras das 14 actividades demostrativas que se desenvolverán na contorna da praza de España. Respecto da orixe e ámbito temático dos proxectos empresariais seleccionados (elixidos de entre as 168 candidaturas presentadas nesta edición) veñen todos eles de diferentes recunchos da nosa xeografía e céntranse sobre todo no medio ambiente e na sustentabilidade.
Laboratorio creativo, economía social ou videoxogos
Grazas ao apoio activo de máis de 40 entidades, empresas e institucións, o programa do Pont-Up Store reúne neste 2019 máis de 60 actividades agrupadas en diferentes bloques, por exemplo o Laboratorio Creativo, que terá como sede a Sala X de Belas Artes e onde está previsto celebrar unha actividade centrada “na unión de música e vídeo”, coa participación da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, ao igual que uns obradoiros tecnolóxicos para nenos ou un coloquio sobre educación dixital.
Outro bloque é o Espazo Gaming, que reúne actividades vencelladas aos videoxogos na sede da Vicerreitoría, ao que cómpre engadir o Espazo de Economía Social e Creativa ou unha exposición promovida pola Xunta que presenta diferentes “exemplos relevantes no mundo do cooperativismo”. Así mesmo, no Espazo de Desenvolvemento de Competencias e do Ecosistema Emprendedor agrúpanse iniciativas como un coloquio promovido pola comunidade WordPress Pontevedra ou un almorzo sobre os novos camiños do emprendemento, coordinado por AJE Pontevedra, AEMPE e Cámara de Comercio.
Como novidades desta sexta edición, figuran propostas como o Espazo de Igualdade (que inclúe, entre outras cousas, un encontro de emprendedoras coordinado pola fundación Woman Forward, un coloquio sobre emprendemento feminino e unha exposición sobre as gañadoras dos premios María José Wonenburger, impulsadas pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta, así como un encontro da comunidade Mulleres Atlánticas) ou o Espazo de Innovación Social, no que se presentarán os proxectos Galician Rural Lab e Vulnerables, xunto co Espazo Tecendo Redes.

PUBLICIDADE