Comeza a segunda edición de Pilabot, que recolleu na súa primeira andaina 44 toneladas de baterías e pilas

martes, 14 de xaneiro do 2020 Fernando Sarasketa

Comezou 2020 e co novo ano veu a segunda edición do concurso Pilabot, que chegará durante estes meses a 150 colexios da nosa terra e que pechou 2019 coa cifra nada desprezábel de 44 toneladas de refugallos recollidos o ano pasado (principalmente pilas, baterías usadas de aparellos eléctricos e electrónicos e acumuladores). A nova andaina do programa, impulsado pola Consellería de Medio Ambiente, foi presentada onte nos seus detalles pola responsábel deste departamento, Ángeles Vázquez, no CPEIP de Ponzos en Ferrol, participante na iniciativa. Este centro foi un dos primeiros en habilitar os bidóns e caixas individuais precisas para facilitar a recollida entre o alumnado.
Na Rede, para quen queira máis información sobre a iniciativa, está en activo a páxina web https://pilabot.gal/, que funciona a pleno rendemento como foco referencial de coñecemento sobre como xestionar da mellor maneira posíbel este tipo de material estreitamente ligado ao tecnolóxico.
Segundo fixo saber a conselleira, o concurso prolongarase até marzo e todos os participantes terán seis semanas para recoller estes residuos, “que se atopan entre os máis contaminantes que se xeran nos fogares”, sinalou, engadindo que a campaña inclúe tamén a realización de charlas formativas en medio centenar de centros educativos, ao que cómpre engadir un concurso de fotografía creativa dirixido tamén ao alumnado participante, cuxo prazo de inscrición abrirase o 17 de febreiro.
A conselleira tamén lembrou que este 2020 é o segundo ano que a Consellería de Medio Ambiente, en colaboración cos xestores de pilas autorizados en Galicia (Ecopilas, ERP e Ecolec), impulsan esta campaña dirixida ao eido escolar coa finalidade de “concienciar ás novas xeracións sobre o impacto medioambiental destes refugallos”. De feito, tal e como lembrou a conselleira, unha soa pila de botón das antigas pode contaminar ata 600.000 litros de auga, o que equivale ao consumo de 30 persoas durante toda a súa vida. Por iso, resulta primordial que se depositen no colector correspondente para darlles o tratamento axeitado.
O concurso
A actividade central desta segunda edición de Pilabot volverá ser o concurso escolar de reciclaxe, de forma que os centros competirán entre si para acadar as mellores cifras de recollida de pilas de Galicia. A campaña prolongarase ata o 31 de marzo e os alumnos e os colexios que consigan recuperar a maior cantidade de residuos serán os gañadores. En total, repartiranse 7.500 euros divididos en catro premios e dúas categorías, que deberán destinarse á compra de material escolar e deportivo ou a organizar actividades educativas.
As charlas
De maneira paralela ao concurso, está previsto que se celebren charlas educativas en 50 centros escolares para ofrecer información e organizar actividades participativas sobre a campaña e a correcta reciclaxe e xestión das pilas.
Así mesmo, volverá convocarse un concurso de fotografía creativa dirixido aos alumnos dos 150 centros participantes. Baixo o lema #eusonpilabot, a inscrición no certame abrirase a partir do 17 de febreiro e entre todas as fotografías que se reciban, premiarase ás tres mellores instantáneas.

PUBLICIDADE