Comeza a xuntanza de desenvolvedores Ghrelo Jam, que repartirá 1.500 euros en premios

luns, 10 de outubro do 2022 S. P.

AGPI, a Asociación Videoxogo.gal e a UDC van organizar este mes, entre este luns 10 de outubro e o día 23, un encontro de desenvolvedores dirixido a fomentar a creación colectiva e participativa de xogos nun período curto de tempo. Trátase da Ghrelo Jam, certame no que se van repartir até 1.5000 euros en premios. Poderán participar desenvolvedores individualmente ou por equipos.
En palabras do equipo organizador, o evento Ghrelo Jam busca reunir á comunidade creativa galega “para facer un bo caldo de videoxogos facendo equipo con outros artistas visuais, programadores, músicos, produtores, deseñadores, ou estrategas do marketing”. Para sacar o mellor de cadanseus talentos e capacidades terán unha semana enteira para facer os xogos programados, “co obxectivo de que sexa unha jam pouco agresiva, breve e non faga tirarse dos ghrelos”, explican, engadindo que “a ilustración de Xosé Geada recolle á perfección a esencia enxebre do evento”.
Haberá dous premios: ao mellor xogo (750 euros) e á mellor arte (750 euros).
Exercerá de mestre de cerimonias Kunda da Silva, que fará a presentación, os directos probando os xogos participantes e a clausura, dende a canle de Twitch de @DeVuegoGAL.
Kunda da Silva, orixinario de A Coruña, é actor de voz, especializado en videoxogos en @DeVuego, portal de actualidade do sector. Estreouse co xogo galego Super Wooden GP e prestou á súa voz a títulos coma Minabo, Inframundo ou Oxide Room: 104.
Axenda Ghrelo Jam en liña
10 outubro - Presentación do evento e do tema.
16-22 outubro - Streaming dos xogos. Kunda da Silva proba os xogos dende a canle de Twitch de DeVuegoGAL
23 de outubro ás 18:00 - Anuncio dos xogos gañadores. Twitch DeVuegoGAL
Xurado
– Miguel Areán. Con máis de 25 anos de experiencia no sector TIC, é vogal de videoxogo.gal e DEV (Asoc. Española de Empresas Productoras y Desarrolladoras de Videojuegos). Socio fundador de Polygon-e estudio.
– Antonio Seoane. Coordinador académico e profesor de deseño do Máster en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos da Universidade da Coruña. Máis de 10 anos de experiencia en animación 3D e efectos especiais, deseño de proxectos de Realidade Virtual e simulación.
– Jorge Peral. É un ilustrador e artista 2D da Coruña e concept artist en Abylight Studios. Máis de 11 anos traballando no eido da ilustración e seis adicado ó sector do videoxogo, publicando xogos como Drawn to Life: Two Realms, Uniwar ou SuperMash.

PUBLICIDADE