Comeza en Santiago un programa para formar a 16 mozos e mozas en tecnoloxía web e produtos interactivos
mércores, 16 de outubro do 2024
A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, participou hoxe na apertura do programa de emprego Genius, a través do cal 16 mozos e mozas menores de 30 anos recibirán formación nas especialidades de desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxía web e desenvolvemento de produtos audiovisuais multimedia interactivos.
No acto tamén participaron a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén Docampo, e o director territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Inmigración, Juan José Couce.
O programa, que conta cun orzamento de case 440.000 euros, enmárcase na iniciativa de emprego xuvenil e o programa operativo Fondo Social Europeo Plus (FSE+) Galicia 2021-2027, e está co-financiado ao 60%. O proxecto desenvolverase ao longo de 12 meses, e os mozos e mozas participantes combinarán a súa formación cun contrato para realizar un traballo real, centrado no desenvolvemento de aplicacións móbiles de Realidade Aumentada sobre a ciencia e o talento.
O alumnado do programa Genius desenvolverá unha aplicación móbil que, utilizando a tecnoloxía da Realidade Aumentada, faga visíbel o ecosistema do talento, a ciencia e a investigación en Santiago con diferentes recursos como o observatorio do talento en liña, para recompilar estudos e informes de axentes públicos e privados; ou o inventario/catálogo de espazos, infraestruturas e equipamentos a disposición do I+D+i. Ademais, “trátase de recoñecer a embaixadores e embaixadoras do talento de Compostela, dando visibilidade a profesionais de recoñecido prestixio e a estudantes con premios á excelencia académica, e promocionándoas/os para diferentes premios e actos de recoñecemento”.
Os obxectivos do programa Genius son aumentar a cultura científica da cidadanía de Compostela dunha maneira divertida que incentive a curiosidade pola ciencia, mostrar como os cambios científicos teñen mellorado a nosa forma de vida, e aumentar o recoñecemento dos científicos entre a comunidade en xeral.