Comeza en febreiro a pilotaxe do visor do expediente xudicial electrónico

venres, 22 de xaneiro do 2016 Redacción

O Goberno autonómico vén de anunciar que o mes vindeiro porase en marcha a pilotaxe do visor do expediente xudicial electrónico, que é, como lembraremos, a solución para todo tipo de dispositivos destinada a permitir aos profesionais da Xustiza galega o acceso e consulta dos e-expedientes. O inicio da pilotaxe foi dada a coñecer polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a directora da AMTEGA, Mar Pereira, na reunión que mantiveron hoxe cos maxistrados da Sala de Goberno de Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, os xuíces decanos das sete grandes cidades, e os presidentes das Audiencias Provinciais para analizar as actuacións máis inmediatas do Plan Senda 2020 para consolidar a dixitalización da Xustiza e avanzar, nas súas palabras, “cara ao cero papel”.
Segundo fixeron saber, a pilotaxe do visor do expediente xudicial electrónico arrancará en febreiro para continuar a súa implantación progresiva tralo período de probas. A seguinte actuación prevista, sinalaron, será a entrada en funcionamento do Sistema de xestión de arquivos físicos e almacéns de pezas de convicción, “que posibilitará a xestión do ciclo de vida completo dos documentos e expedientes xudiciais en papel (arquivo físico) e os bens incautados (pezas de convicción) con garantías de control na súa conservación”. Igualmente, informaron que ao longo da primeira metade deste ano porase en funcionamento a sede electrónica xudicial, que “servirá como canle de comunicación electrónica segura da Administración de Xustiza cos cidadáns e os profesionais, complementando os servizos do portal eXustiza”. Nunha primeira fase posibilitará a presentación electrónica dos procedementos monitorios.
Por último, salientar que na xuntanza de hoxe fíxose reconto da situación de Lexnet en Galicia, que no que vai de ano rexistrou 4.595 demandas e 46.394 escritos, e máis de 200.000 notificacións. Este sistema de intercambio seguro de documentación entre axentes xudiciais é unha das pezas para acadar o cero papel na Administración de Xustiza da nosa terra.