Comeza na UVigo a nova edición do foro de emprego con empresas TIC

xoves, 9 de marzo do 2017 Redacción

Onte botaba a andar na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía a XVII edición do Foro Tecnolóxico do Emprego, un encontro entre empresas e alumnado das tres escolas de Enxeñaría do campus de Vigo (Industrial, Minas e Enerxía, e Telecomunicación) que se estenderá do 8 ao 10 de marzo. Emporiso, ao longo dos tres días que durará esta cita, os participantes aproveitarán para entregar currículos, asistir a conferencias e obradoiros, intercambiar opinións sobre oportunidades profesionais e establecer contactos de cara a introducirse no mercado laboral.
A inauguración do foro estivo presidida polo reitor da Universidade, Salustiano Mato, pola directora da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, Natalia Caparrini; polo director da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Íñigo Cuiñas, e polo subdirector da Escola de Enxeñería Industrial, Juan Pardo, amais dun grupo de preto de cen alumnas e alumnos capitaneados por Olalla Sánchez, estudante da EE de Telecomunicación.
En canto ás empresas participantes, son 26 as que se amosan interesadas en acoller aos estudantes recén saídos das devanditas Enxeñarías, entre elas salientan: Microsoft, R, Repsol, BorgWarner, Aluminios Cortizo, Balidea, Imatia, Deloitte, Schindler, Zemsanis, DQbito Ing. Biomédica..., así como os colexios oficias, as principais asociacións sectoriais e centros tecnolóxicos como Gradiant.
Cómpre engadir que o programa de conferencias deste Foro Tecnolóxico do Emprego comezaba xa o martes 7 de marzo, coa intervención de diferentes profesionais no salón de actos da Escola de Enxeñaría Industrial, un programa de charlas que se estenderá (en diferentes espazos das tres escolas) até mañá (venres 10 marzo) ao mediodía, cando está previsto o peche do encontro. A temática destas charlas vai dende a ciberseguridade até os nichos de emprego para as diferentes ramas de enxeñaría ou o Big Data, entre outros.

PUBLICIDADE