Comeza o Movil Film Fest, o festival de cine onde a cámara do director vai no seu peto

martes, 15 de maio do 2007 Fernando Sarasketa

Este martes 15 deu comezo un dos certames do audiovisual máis estreitamente ligados ó emprego das novas tecnoloxías. Falamos de Movil Film Fest, un concurso que se por algo se diferenza da maior parte dos festivais de cinema é polo aparello usado para a gravación das diferentes pezas: o teléfono móbil. En total, serán 160 as curtametraxes participantes no certame, que ficará coas portas (é un dicir) abertas até o 7 de xuño.
O concurso semella que até é coherente coa elección dos espazos nos que se desenvolve. É dicir: cómpre esquecer un teatro ou unha sala de cinema con diferentes pases ó longo de todo o día. Non, a cousa é máis tecnolóxica, tanto no fondo (porque o método de gravación e distribución afecta á temática e ó discurso) como na feitura: será na Web e nas plataformas WAP onde se desenvolva ó cen por cen deste concurso.
A finalidade será mover o talento dos creadores que non contan con grandes orzamentos nin con organizados equipos de rodaxe. Amais, os organizadores do festival tamén queren promover o móbil como novo recurso de creación cinematográfica.
O xurado estará composto por (entre outros persoeiros do cinema) por Javier Aguirresarobe, Antonio Chavarrías, Elías Querejeta, Ana Núñez ou Tomás Aragay.

PUBLICIDADE