Comeza o curso no Centro de Formación Audiovisual da Deputación de Lugo (1º e 2º de realización e produción)

luns, 11 de setembro do 2023 S. P.

O equipo directivo e docente do Centro de Formación Audiovisual da Deputación de Lugo deu este luns 11 de setembro a benvida ao alumnado de 1º e 2º dos ciclos superiores de Realización e Produción neste curso 2023-2024. O alumnado de 1º, ademais de coñecer as instalacións da escola, recibiu información sobre a planificación do curso, horario e outros aspectos organizativos de interese. En canto aos estudantes de 2º, participaron nunha xornada de asesoramento e coordinación do módulo de Proxectos.
A escola de imaxe e son da Deputación inicia este novo curso coa totalidade de prazas cubertas en Realización, cun total de 20 novos mozos e mozas matriculados nesta especialidade. No caso de Produción, con vacantes aínda dispoñíbeis, manterase aberto o prazo de matrícula ata o mes de outubro. As persoas que estean interesadas poden acceder a toda a información sobre este ciclo na web da institución provincial, ou ben chamando ao número de teléfono do centro: 982.284.667.
Primeira práctica: Día do Cinema Español
O Centro de Formación Audiovisual organiza para o 6 de outubro a primeira práctica do curso nun escenario real con motivo do Día do Cinema Español. A Deputación, a través do Servizo de Audiovisuais, súmase a esta celebración promovida polo Ministerio de Cultura que ten por obxectivo “recoñecer o papel dos cineastas e a súa influencia e importancia na vida cultural e social do país, así como o valor patrimonial do cine feito en España”.
O alumnado do CPA participará na organización do evento, que se celebrará no pazo de San Marcos. Veranse tres películas que a Filmoteca Española pon a libre disposición para súa proxección en espazos que non sexan propiamente cines comerciais: Embrujo (1948), de Carlos Serrano de Osma, coa copia restaurada para esta edición con motivo do centenario do nacemento da súa protagonista, Lola Flores; Las niñas (2020), de Pilar Palomero, Goya á mellor película; e Valentina (2021) da ferrolá Chelo Loureiro, Premio Goya á mellor película de animación. Ademais, proxectaranse varios audiovisuais elaborados polos estudantes do CPA.
Algúns exemplos de prácticas en escenarios reais no pasado curso son dous audiovisuais do alumnado recoñecidos fóra da provincia, como a curta Amor Viaxeiro, premiado por Netflix e Turespaña no concurso Cómo dirías que es España sin decirlo, que se proxectou con éxito na Feira Internacional de Turismo (FITUR) en Madrid e o documental No se oye, que recibiu o premio á Mellor Curtametraxe Documental na categoría de Escolas de Imaxe e Son no pasado Festival Internacional de Cine de Ponferrada. Ademais, os estudantes encargáronse, entre outros traballos, da emisión en directo na Rede, a través de streaming, do Concurso Internacional de Baristas de Foz, onde, segundo fixo saber a Deputación, “puxeron a proba con éxito o traballo en equipo e o manexo do equipamento técnico e das novas tecnoloxías imprescindíbeis no mercado laboral no mundo audiovisual”.