Comeza o curso sobre gaming e emprendemento impulsado pola Cámara de Santiago e a Xunta

luns, 19 de abril do 2021 S. P.

Formar a dúas ducias de mozas e mozos da nosa terra nas posibilidades (creativas, empresariais, laborais) do sector dos videoxogos. Este é o gran obxectivo da iniciativa conxunta de formación que arrincou este 19 de abril no Gaiás impulsada pola Cámara de Comercio de Santiago, a Xunta (a través da Fundación Cidade da Cultura) e máis a Fundación INCYDE. O curso Videoxogos e emprendemento inclúe sete semanas de capacitación e asesoramento personalizado.
Enmárcase no Programa de formación e asesoramento a empresas e profesionais culturais que desde o Gaiás desenvolven a Xunta e a Cámara de Comercio, que, ademais de asesoría personalizada inclúe accións formativas en eidos como a internacionalización, o emprego das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC), o financiamento e o capital risco ou a xestión empresarial.
A apertura do curso, que se desenvolve a través de vídeo-conferencia, contou coa participación da xerente Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez; a secretaria xeral da Cámara, Rosa Cardeso, e o director de proxectos da Fundación INCYDE Jorge Hierro Álvarez.
O programa, dirixido a mozas e mozos de menos de 30 anos inscritas/os no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, ofrece a oportunidade de “formarse nun sector punteiro, o do gaming, que se atopa en plena expansión e que vén experimentando crecementos acumulados nos últimos anos”, informaron as entidades responsábeis da súa posta en marcha, engadindo que a actividade está destinada tanto a persoas emprendedoras ou profesionais que queiran iniciarse no desenvolvemento de videoxogos ou ampliar e consolidar os seus coñecementos no campo da creatividade dixital, como a aquelas que simplemente teñan interese no desenvolvemento de videoxogos de forma profesional.
Os participantes no curso aprenderán o funcionamento das empresas do sector, coñecendo os roles do equipo técnico, as tecnoloxías empregadas e as ferramentas, estratexias e canles axeitadas para expor unha idea de negocio e poñela en marcha.

PUBLICIDADE