Comeza o exame exhaustivo das candidaturas recibidas nos Premios INNOVA-G

mércores, 17 de outubro do 2012 Fernando Sarasketa

Os Premios INNOVA-G, terceira edición, xa pecharon o prazo para a achega de propostas, máis polo miúdo o pasado 15 de outubro. Dous días antes, xa se recibiran arredor de medio cento de candidaturas. A día de hoxe, o xurado do certame está a pasar polo exame exhaustivo de cada unha das achegas presentadas, sendo unha tarefa, a de este ano, “especialmente complexa”, como sinala a asociación organizadora destes galardóns, AGESTIC, tanto pola cantidade das propostas como pola súa gran calidade e capacidade innovadora. As propostas recibidas repártense nas seguintes categorías: Mellor start-up galega, Mellor emprendedor/a galego/a TIC, Mellor desenvolvemento 2.0, Mellor aplicación para dispositivos móbiles e Mellor deseño web.
Os premios, como dixemos, están promovidos pola Asociación Galega de Empresa TIC, AGESTIC, e contan co apoio da Xunta (AMTEGA), a Escola Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo e máis o Grupo FEMXA. O seu obxectivo común é recoñecer o valor das empresas de tecnoloxías, Internet ou contido dixitais máis innovadores da nosa terra.
Os premios concederanse o 26 de outubro, venres, ás 12.30 horas no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG), en Santiago de Compostela.
Os galardóns, que non teñen dotación económica e que son outorgados polas entidades promotoras, queren converterse nun pulo para aos seus participantes, “tal e como se vén confirmando nas edicións anteriores, con proxectos e aplicacións xa coñecidas por todas e todos, como Menus.es, Pézcalo, Meubook, Toupa.net, Binaurality, Orama ou Webphone”, lembran fontes de AGESTIC.
Estas son as categorías que se establecen:
Mellor start-up galega: empresa constituída a partir do 1 de xaneiro de 2010, altamente tecnolóxica e innovadora. Valorarase o grao de novidade do produto/servizo tecnolóxico, de Internet ou contidos dixitais desenvolvido ou prestado, o seu crecemento exponencial, a visión global, as posibilidades de expansión internacional, o ambiente de traballo, igualdade de xénero, promoción da sostibilidade e os valores sociais.
Mellor emprendedor/a galego/a TIC: premio ao galego ou á galega líder que día a día, xunto ao seu equipo, saca adiante un proxecto empresarial tecnolóxico (non é requisito que a empresa estea radicada en Galicia.). Non hai límite de idade.
Mellor desenvolvemento 2.0: premio á PEME galega responsable do desenvolvemento 2.0 (redes sociais, comercio electrónico, e-learning, xogos sociais e calquera outro proxecto tecnolóxico que implique a participación directa do usuario final) que sexa considerado o mellor feito en Galicia no 2011 ou 2012.
Mellor aplicación para dispositivos móbiles: premio á PEME galega responsable do mellor software, da mellor aplicación para dispositivos móbiles, desenvolvido no 2011 ou 2012.
Mellor desenvolvemento deseño web: premio á PEME galega responsable do mellor deseño/desenvolvemento web do ano 2011 e 2012, valorarase a creatividade, usabilidade e accesibilidade do sitio.
Entregarase tamén unha Mención de Honra, outorgada polo xurado, a aquel evento de networking realizado en Galicia polo seu labor intensivo e frutífero de impulso da Sociedade da Información.

PUBLICIDADE