Comeza o plan de despregue da TDT na área técnica de Santiago
luns, 9 de novembro do 2009
- O Secretario Xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro, informou, hoxe, sobre o despregamento da TDT en Galicia e o apagamento analóxico na área técnica de Santiago correspondente á Fase I.
Os responsables do departamento que se
está a ocupar de implantar a Televisión Dixital Terrestre na nosa comunidade,
veñen de presentar hoxe o Plan de Acendido da TDT na Área Técnica de Santiago,
que afectará a 44 concellos (39 da provincia da Coruña e outros 5 de
Pontevedra), e que permitirá facer unha axeitada transición da televisión analóxica
á dixital dentro do prazo comprometido, que remata o vindeiro 31 de decembro.
Deste xeito, e logo
da licitación do Plano en agosto e a adxudicación do mesmo a finais de
setembro, a semana que vén comezarán a instalarse os sete primeiros equipos do
total de 55 que deben cubrir a área técnica de Santiago. O secretario xeral de Medios da Xunta,
Alfonso Cabaleiro, presentou o programa acompañado polo subdirector xeral de
Enxeñería e Planificación da Secretaría Xeral de Medios, Ignacio José Otero
López, e o coordinador da Oficina Técnica da TDT en Galicia, Miguel Pérez
Iglesias.
O calendario de
acendidos arrincará coas estacións de Orrea (Agolada), Rodeiro, Barazón
(Santiso), Furelos (Melide) e Bascuas (Vila de Cruces), as que se lle irán
sumando outras co fin de igualar a cobertura dixital da TDT de todas as canles,
públicas e privadas, nacionais e autonómicas, na área técnica de Santiago. O
obxectivo final busca a universalización da TDT dentro dos novos prazos
previstos.
Cofinanciado
entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, os
equipos empregados contan con tecnoloxía exclusivamente galega, sendo tamén
galegas as empresas instaladoras.
Durante a presentación do devandito plan,
o secretario xeral de Medios lembrou que a Xunta mantén o prazo da primeira
quincena de xaneiro para os apagamentos analóxicos da Fase I (Ourense Leste e
Santiago) e gran parte da Fase II (Ares-Meda). Para o 3 de abril estará todo
rematado coa finalización do resto da Fase II e a Fase III (Páramo-Domaio).