Comezan as obras de construción do novo CESGA

mércores, 19 de novembro do 2025 Redacción

Esta mañá celebrouse o acto simbólico de inicio das obras do novo edificio do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), que contará cun investimento de 56 millóns de euros, e permitirá acoller no futuro o supercomputador Finisterrae IV, chamado a multiplicar por sete a capacidade de cálculo actual do CESGA e a reforzar as infraestruturas da Factoría Europea de Intelixencia Artificial.
Os traballos prolongaranse durante sete meses e permitirán levantar o edificio que dará soporte a un contido tecnolóxico chamado a marcar un salto cuántico en Galicia.
Nel instalarase o supercomputador Finisterrae IV, así como un novo sistema de almacenamento de datos que duplicará o actual e o computador cuántico asociado á Factoría Europea de Intelixencia Artificial, unha das dezanove seleccionadas en toda Europa. O investimento total —entre edificio e infraestrutura— ascende a cincuenta e seis millóns de euros, cofinanciados con fondos europeos.
O director do CESGA, Luís Orosa, cualificou o proxecto como un fito: «Temos moitos proxectos europeos ao longo da historia, pero este vai un paso máis alá, traendo a Galicia unha infraestrutura de supercomputación, un supercomputador europeo para aquí, para Galicia. Nesta factoría, que vai dar servizo no ámbito de One Health (ou Saúde Global), que involucra a saúde humana, animal e ambiental. E dende Galicia imos prestar servizo non só para Galicia».
O delegado do Goberno, Pedro Blanco, quixo pór en valor o apoio do Goberno ao novo CESGA e declarou que «hoxe colocamos a primeira pedra dun futuro no que Galicia lidera, avanza e gaña oportunidades». Aproveitou a ocasión para salientar que a achega económica do Goberno ao proxecto é de 47,4 millóns de euros procedentes do Perte Chip (polo que agradeceu a aposta por Galicia do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades) e felicitou ao persoal do CSIC Galicia e do CESGA polo seu traballo excepcional que converte Galicia nun referente de investigación «traballando en favor da cidadanía e do benestar social».
Pola súa banda, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, celebrou que Galicia se sitúe entre os territorios máis avanzados de Europa neste eido: «Parecía imposible que Galicia, un recuncho en España e en Europa, estivera… Non sei se na vangarda absoluta, porque hai xente moi boa facendo cousas parecidas, pero desde logo no grupo punteiro, un grupo absolutamente competitivo. Moi poucos territorios e moi poucas entidades poden dicir que están liderando algo con tanto futuro e tan complexo como é a tecnoloxía cuántica ou as aplicacións en intelixencia artificial. Todo o que xa está aquí e, sobre todo, o que está por vir, pois en Galicia estámolo facendo».
Para axilizar a construción, a Xunta aprobou recentemente unha nova figura administrativa que declara este edificio como proxecto estratéxico de investigación, unha nova figura administrativa que se estrea con esta iniciativa e que permite simplificar trámites e reducir tempos.
Durante o acto, Alfonso Rueda tamén aproveitou para deixar unha mensaxe en vídeo na cápsula do tempo virtual do CESGA, almacenada no tipo de dispositivos que o centro utiliza para datos importantes que necesitan ser conservados durante moito tempo.

I+G+i

O titular do Executivo autonómico destacou o bo momento da I+G+i, a I+D+i galega, que atribuíu ao esforzo conxunto de toda a sociedade a través do traballo conxunto de universidades, empresas e administracións.
Neste sentido, lembrou que nos últimos anos a Xunta vén facendo unha importante aposta por este ámbito a través de distintas medidas como o Plan de investigación e innovación, dotado con 1.300 millóns de euros, ou co inicio da tramitación da que será a futura Lei de ciencia e innovación de Galicia, que virá a adaptar a normativa vixente aos retos actuais e seguirá potenciando á nosa comunidade como un territorio de referencia nestes ámbitos.
«Esa lei vai apuntalar tamén, dende o punto de vista autonómico, todo o que temos que facer», asegurou, ao tempo que destacou «o labor da Axencia Galega de Innovación (GAIN), que é fundamental, así como o das empresas que nos están acompañando e confían no CESGA».