Comezan as probas públicas de Windows Virtual Desktop

xoves, 21 de marzo do 2019 Marcus Fernández

Nas últimas semanas está a falarse moito do xogo en streaming como unha grande aposta de futuro, pero non é o único ámbito que está a avanzar nesa dirección, e Microsoft está a iniciar as probas públicas de Windows Virtual Desktop, unha nova experiencia de escritorio virtual que funciona a través dos servidores de Azure en combinación cos servizos de Microsoft 365, conseguindo así unha experiencia de Windows 10 multi-usuario única.
O feito de virtualizar os escritorios informáticos permite que os usuarios poidan traballar dende practicamente calquera dispositivo, o que pode chegar a supor grandes aforros en hardware, e que con Windows Virtual Desktop incluso permite prescindir de servidores de virtualización, salientándose o feito de que esta solución está optimizada para Office 365 ProPlus, de xeito que moitos escritorios de oficina poderían funcionar con esta solución na nube sen traumas, coa vantaxe de poder acceder ao escritorio informático incluso en mobilidade.
Este novo servizo estará dispoñible para a meirande parte dos clientes corporativos de Microsoft 365 (que como custo adicional terían o uso dos servidores na nube de Azure) e polo momento limita o seu uso aos servidores de Azure nun par de rexións dos EE.UU., espallándose ao resto do mundo en canto se complete a actual fase de probas.

PUBLICIDADE