Comezan en Mos os obradoiros de podcast Falamos nas Ondas para centros educativos
luns, 20 de outubro do 2025
O CEIP Petelos, en Mos, acolleu este luns 20 de outubro o obradoiro de gravacións podcast Falamos nas Ondas. A iniciativa que comeza esta semana vai levar a 10 centros educativos da provincia de Pontevedra o “modelo Ponte…nas ondas! de boas prácticas co Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI)”, precisamente a centros que xa forman parte da rede creada pola Consellería de Educación.
Estes obradoiros son posibles grazas a un convenio de colaboración coa Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte...nas ondas! e a Deputación de Pontevedra para a difusión e a posta en valor do Patrimonio Cultural Inmaterial común galego-portugués, fomentando o coñecemento e a transmisión deste patrimonio ás novas xeracións.
O proxecto Ponte...nas ondas! achega as expresións do patrimonio e o traballo coa edición de radio e podcast aos centros educativos. Unha sesión práctica para que o alumnado realice gravacións e podcasts da man de dous profesionais da locución e da música: Damián Alonso e Pancho Álvarez.
A metodoloxía é a seguinte: un grupo de alumnado prepara o guión e a organización dun programa de radio e podcast con contidos preparados por eles, e practican e aprenden a gravar un arquivo de radio en directo da man de Damián Alonso mentres outro grupo coñece as expresións do PCI e as músicas tradicionais (con Pancho Álvarez preparan as músicas que van interpretar en directo na gravación do podcast, con instrumentos e voces).
O resultado plásmase na edición dun podcast que se divulga no centro educativo e no portal Escolas nas Ondas.
Centros participantes da provincia de Pontevedra: CEIP Petelos (Mos), IES Pedras Rubias (Salceda de Caselas), IES Indalecio Tizón (Tui), IES Alexandre Bóveda (Vigo), CEIP do Foxo (A Estrada), IES A. Losada Diéguez (A Estrada), IES Sánchez Cantón (Pontevedra), IES Valadares (Vigo), IES Pontecaldelas (Pontecaldelas) e CEP Carlos Casares (Salvaterra do Miño).
