Comezaron as Distopías Cotiás da Coruña da man de Pablo Castro

mércores, 12 de febreiro do 2020 Redacción

O pasado 27 de xaneiro púxose en marcha, da man de Coruña Dixital (en colaboración coas Bibliotecas Municipais), a iniciativa Distopías Cotiás, un espazo de reflexión colectiva no que abordar o impacto das tecnoloxías nas nosas vidas, unha reflexión que será colectiva e que quere abranguer a participación de persoas de “calquera ámbito”, non só tecnolóxico.
O programa comezou cun debate sobre ética, privacidade e tecnoloxía, que se desenvolveu trala pequena charla ofrecida por Pablo Castro (Trackula), desenvolvedor frontend e co-fundador de Arengu, ademais dun activista destacado pola liberdade en Internet e o software libre. Pablo é ademais unha das cabezas visíbeis do colectivo GPUL e co-organizador de AtlanticaConf.
Máis sesións
No primeiro semestre de 2020 están previstas xa as seguintes datas, sempre ás 19h no espazo de conversa da Biblioteca Ágora: luns 17 de febreiro, luns 16 de marzo, luns 20 de abril e luns 18 de maio.
Para obter información puntual destas citas é preciso visitar a axenda de Coruña Dixital ou subscribirse no meetup da iniciativa, onde tamén se formalizan as inscricións.
Por último, informamos que existe a posibilidade de propoñer unha charla, para iso cómpre escribir a ola@distopiascotias.gal.

PUBLICIDADE