Comezaron en Rianxo os labores para habilitar dez puntos de acceso sen fíos á Rede, públicos e de balde

venres, 4 de decembro do 2020 S. P.

O Concello de Rianxo anunciou o comezo dos traballos para a instalación de puntos de acceso sen fíos Wi-Fi no termo municipal. Son, “en principio”, un total de dez emprazamentos de acceso público e de balde á Rede. Os traballos arrincaron achegando Wi-Fi aos centros culturais das parroquias e a varias prazas públicas. O prognóstico é que ao longo deste mes de decembro queden xa instaladas as infraestruturas e en funcionamento.
A adxudicataria das obras foi a empresa Tower que gañou o concurso aberto ao efecto. A praza de Castelao, a praza da Martela, o Parque Galicia, o Campo de Pazos, a Capela do Araño, a Casa da República en Isorna, a Atalaia en Asados, o Centro Cultural Vicente Vidal en Leiro ou a praia da Torre son algúns dos enclaves que cubre esta primeira fase do proxecto.
A orixe deste despregue está na selección do Concello de Rianxo como beneficiario do proxecto Wi-Fi4 EU da Axencia Executiva de Innovación e Redes (INEA) da Comisión Europea. Esta iniciativa promove o libre acceso da cidadanía a conexións Wi-Fi abertas e gratuítas en espazos públicos de todo o continente e financia parte do proxecto que se vai a implantar en Rianxo durante tres anos.

PUBLICIDADE