Comezou XGN R Encounter 2019 con máis actividades e un 12% máis de participación

venres, 11 de outubro do 2019 Redacción

A party informática XGN R Encounter pon en marcha hoxe a súa décimo novena edición, e faio batendo récords en cifra de persoas inscritas, en conectividade e en número e calidade das súas propostas. A Feira Internacional de Galicia Abanca, que conta de novo nesta cita co respaldo da Consellería de Política Social e (por terceiro ano consecutivo) coa colaboración e patrocinio da empresa R, está a reunir preto dun milleiro de seareiras e seareiros das novas tecnoloxías, fronte aos 900 da edición anterior. Isto no que se refire aos inscritos para a zona Intranet. O incremento é dun 12%.
Aprendizaxe, intercambio de experiencias e diversión serán os eixos dunha cita á que acoden tanto afeccionados como profesionais da informática, o lecer electrónico e as novas tecnoloxías de 23 provincias, o que reflicte, segundo as entidades organizadoras, o crecemento da party e o seu coñecemento fóra de Galicia. Achegaráselles navegación grazas a R a unha velocidade de 20 Gbps, unha cifra que duplica a da pasada convocatoria.
O evento tamén volverá contar cun gran recanto Extranet, unha zona cun completo programa ao que poderán acceder de balde as persoas rexistradas pero tamén as visitantes en xeral que se acheguen ao recinto de Silleda.
A cita conta con numerosas actividades dirixidas exclusivamente aos rexistrados, como concursos de arte dixital nas súas tres vertentes, creación de imaxes dixitais, música dixital e programación. Ademais, o hardware contará con numerosas actividades, entre elas modificación e personalización de equipos, granxas de impresoras 3D e zonas de realidade virtual orientadas unicamente a estes participantes. Sumaranse os torneos de videoxogos, que nesta ocasión aumentan un 25% os seus títulos e inclúen estilos para todos os gustos.
Por outra banda, tanto para os inscritos como para os visitantes á Extranet haberá moitas outras actividades. Destacará a proposta de realidade mixta, que combina a realidade virtual cun escenario con partes reais, e que supón “unha inmersión total”, sinalan as entidades impulsoras do evento, engadindo que “nesta edición aumentáronse espazo e salas, e nelas poderán vivirse experiencias como camiñar por enriba de edificios nunha gran cidade, mergullarse baixo o mar ou voar sobre un dragón”.
Sumaranse a elas distintas conferencias sobre a actualidade das novas tecnoloxías, como Claves para que o teu negocio triunfe na internet, Seguridade e privacidade na rede, Mamá, mamá, quero ser hacker, Desenvolvemento de software no século XXI: converte a túa paixón na túa profesión, Introdución ao hacking de videoxogos e Ivao, presente e futuro. Tamén haberá obradoiros, como por exemplo o de Crea R de robótica, onde os nenos poderán iniciarse na montaxe destes enxeños electrónicos nunha iniciativa enmarcada no programa Digitalent da AMTEGA, e os de chovafoam, material para o vestiario de cosplay (actividade consistente en usar disfraces e accesorios para representar unha personaxe de videoxogo, cinema, manga ou cómic). R tamén pon en marcha este ano unha xornada dedicada ás empresas, na que un experto en redes sociais ofrecerá pautas e consellos ás PEME para comunicar ben na Internet e un emprendedor socio tecnolóxico de R exporá como sacou adiante a súa aventura empresarial.
As propostas continuarán con xogos de mesa, xadrez, billar, pistas deportivas, zona de consolas, campionato de karting, partidos de fútbol burbulla, un rocódromo, unha exposición de figuras de ciencia ficción, un concurso de cosplay ou zonas de rol, nerf e wargame.
En total serán máis de 70 as actividades dun programa que medra respecto á pasada edición co obxectivo de que a XGN R Encounter “siga gañando en atractivo tanto para os rexistrados como para os visitantes”.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel; o director xeral da Fundación Semana Verde de Galicia, Ricardo Durán; a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira; ademais do conselleiro delegado do Grupo Euskaltel, José Miguel García; o xerente da Fundación Euskaltel, Sabino San Vicente; e o director de Empresas R e Grupo Euskaltel, Isidro Fernández de la Calle; inauguraron esta mañá o encontro.

PUBLICIDADE