Comezou a rodaxe da serie Motel Valkirias, chamada a proseguir os éxitos galegos nas plataformas

martes, 18 de xaneiro do 2022 S. P.

Esta semana comezou a rodaxe dunha serie galega con potencial para converterse nun novo éxito da nosa industria nas novas canles de contidos: Motel Valkirias, producida por CTV e SPi e creada por Ghaleb Jaber Martínez. Trátase, en palabras destas dúas firmas, “dunha dramedia con toques de thriller que ao longo de oito capítulos mestura drama, suspense, emoción e humor”. Motel Valkirias, escrita por Patricia Müller e dirixida por Álex Sampaio e Jorge Queiroga, con participación da TVG e a RTP (Radio e Televisión de Portugal), ambiéntase nun motel transfronteirizo entre Galicia e Portugal, onde conflúen tres mulleres con problemas económicos e persoais e un cliente que carrexa “unha valiosa mercadoría”.
Incluirá oito capítulos de cincuenta minutos de duración e será gravada en galego e portugués. A serie, segundo apuntan as produtoras, quere converterse na primeira produción deste xénero “dunha recoñecida plataforma audiovisual”, onde tamén se situará como a primeira serie en galego. CTV conta neste senso co mellor dos precedentes: foi pioneira en dar o seu apoio ás linguas cooficiais creando a serie en galego O sabor das margaridas, emitida en Netflix, seguindo os parámetros actuais que se están a desenvolver na futura Lei Xeral de Comunicación Audiovisual.
Jaber Martínez subliña que se trata dunha historia de “empoderamento feminino e superación persoal” polo valor que amosan as tres protagonistas. “A fazaña destas mulleres, que son quen de rachar co pasado para conquistar o seu futuro, fai que nos sintamos atraídos por elas e identificados coas súas decisións. Ademais xogamos visualmente cun imaxinario colectivo moi recoñecible en calquera parte do mundo: as fronteiras. Todos estes son compoñentes que a converten nunha historia universal”, tal como agrega.
Para acadar a máxima repercusión arredor deste serie, CTV e SPi uniron forzas a prol “dunha estratexia de distribución internacional”. Esta orientación empresarial xa foi probada con éxito por CTV en series galegas como O sabor das margaridas (CTV) ou Auga Seca (SPi). Agora, Motel Valkirias “quere seguir exportando ao mundo o potencial de Galicia, neste caso o da provincia de Ourense, e Portugal como escenario privilexiado para o desenvolvemento da produción audiovisual, tanto pola súa infraestrutura técnica e artística, como polas súas paisaxes e localizacións”, conclúen ambas produtoras.

PUBLICIDADE