Comezou na UVigo o Foro Tecnolóxico de Emprego con máis de medio cento de empresas participantes

mércores, 13 de marzo do 2019 Fernando Sarasketa

Xa está aquí a nova edición, a número 19, da gran cita galega da oferta e a demanda de profesionais da innovación. Estamos a falar do Foro Tecnolóxico de Emprego, en cuxa nova entrega van ter parte activa máis de medio cento de empresas, dende hoxe 13 de marzo e até pasado mañá. Unha vez máis e como non podía ser doutro xeito tendo en conta que se trata dunha feira tecnolóxica, boa parte das firmas participantes (moitas delas galegas) son do sector das novas tecnoloxías ou de sectores lindeiros, por exemplo Indra, Marine Instrument, EDF Solar, Applus+, Ernst&Young, Televés, Everis, Altia, Deloitte, Quobis ou Imatia, entre outras.
A edición 2019 da cita, organizada polo alumnado das tres escolas de enxeñaría do Campus de Vigo, inaugurouse hoxe coa arela de ir alén das cifras de participación de anteriores anos, tanto no que se refire ás empresas e os profesionais que interveñen nela, como aos estudantes que a visitan, como ao alumnado implicado no equipo organizador (este ano composto por máis de 70 alumnas e alumnos).
Segundo explican os impulsores do foro, facendo reconto, o curso pasado recolléronse arredor de 2.500 currículos e a expectativa, como dixemos, é superar esta cifra.
Nesta edición participan 34 empresas con expositor propio, e a elas súmanse outras tantas na organización de diferentes charlas, conferencias, obradoiros, etc. Entre as novidades do programa, este ano apostouse nos encontros entre empresas e estudantes polo formato do recrutamento rápido, segundo explican os organizadores “o último en selección de persoal”, un formato no que as alumnas e alumnos “dispoñen unicamente de dous minutos para falar coa empresa e, ao rematar, pasar á seguinte”.
As actividades arrancaron a primeira hora da mañá con varias charlas formativas (como facer un bo currículo, como mellorar as habilidades de comunicación...) e ao mediodía abriron os postos das empresas, coincidindo coa inauguración, na que participaron o reitor Manuel J. Reigosa; os directores das tres escolas de enxeñaría do campus: Elena Alonso, directora da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía; Íñigo Cuiñas, da EE de Telecomunicación, e Juan Pardo, da EE Industrial, que fixeron fincapé na importancia deste tipo de eventos. Tamén participou Tomás Prado, co-impulsor do foro, que agradeceu o apoio recibido ao longo dos últimos meses.

PUBLICIDADE