Comezou o Campamento Dixital xuvenil de Rianxo

luns, 29 de xullo do 2024 S. P.

Comezou en Rianxo finalmente o Campamento Dixital organizado polo Concello para a mocidade do municipio. As sesións, que se desenvolven no Auditorio Municipal, teñen como obxectivo fundamental formar a mozos e mozas en competencias dixitais, garantindo así a súa inclusión no ámbito tecnolóxico. Ao mesmo tempo, achéganselles nocións prácticas de utilidade que lles axuden a ter navegación seguras, útiles e proveitosas para a súa formación.
A actividade, que se desenvolverá até este venres 2 de agosto, para mocidade de 13 a 17 anos, é de balde e ten unha duración de 15 días, de luns a venres de 10.30 a 13.30h.
En concreto, trátase de dous campamentos dirixidos aos seguintes grupos de idade e cos seguintes contidos:
-De 12 a 13 anos: benestar dixital; seguridade, privacidade e reputación na Rede; filtros eficaces e ferramentas de buscas; comunicación en liña e prevención do ciberacoso; e como compartir ideas e contidos en Internet.
-De 14 a 17 anos: saúde dixital: hábitos saudábeis e benestar dixital; retos víricos e comportamentos positivos e negativos nas redes sociais e en Internet; protección de datos, identidade dixital e reputación en liña; liberdade de expresión e respecto en contornas dixitais; e profesións emerxentes e competencias dixitais para a busca de emprego.